O alcalde de Muxía, o socialista Iago Toba, denunciou no pleno municipal celebrado na noite do xoves “unha operación escura” para artellar unha moción de censura na localidade na que participarían xuntos BNG, PP e Independentes para arrebatar a alcaldía aos socialistas, que foron a forza máis votada nas eleccións municipais de 2023, nas que obtiveron 5 concelleiros, fronte aos 3 do PP, 2 independentes e 1 do BNG.
Pasaban 26 minutos do pleno, no que a oposición volveu a unirse para paralizar diversos asuntos da xestión municipal, cando o alcalde soltou a bomba: “Xa sei que chegan a acordos”, afirmou, para desvelar despois con numerosos detalles a operación en marcha que levaría ao independente Javier Sar á alcaldía co apoio do Partido Popular e do BNG.
“O BNG ten moito que explicar nesta trama e aclarar se vai favorecer unha vez mais un goberno liderado por unha forza minoritaria, como xa fixo no pasado”, afirmou Toba, que lembrou “cando o BNG chegou á alcaldía cun só concelleiro grazas ao apoio dos populares, o que propiciou que despois viñeran 16 anos de gobernos do PP no municipio e que os nacionalistas non volveran a levantar cabeza”.
“Agora queren volver facelo. Neste caso non lle podían dar a alcaldía directamente ao PP porque era moi cantoso, así que queren entregarlla aos independentes, cun goberno a tres bandas no que o PP levaría áreas clave do goberno municipal como Obras e Urbanismo”, explicou o alcalde. “Iso si, no PP queren ser concelleiros con soldo. O PP ten que ter cando menos unha dedicación porque o partido decidiu que a súa candidata non continuara como deputada e, claro, hai que ter un soldo”, afirmou Toba, para lembrar despois con retranca que esta operación “pode saír aínda máis cara porque en Muxía hai dous partidos populares”.
Insta a Pontón a aclarar se apoia un goberno de dereitas no municipio
Toba instou á portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, a aclarar publicamente se avala esta operación, “que volvería poñer un goberno de dereitas en Muxía e entregaría ao PP áreas clave do goberno municipal como Urbanismo” e detrás da que “se agochan “intereses partidistas e persoais, que non son os intereses xerais da veciñanza”.
O alcalde dixo que a moción de censura “é un instrumento legal, un mecanismo democrático que esta aí”, pero censurou que se estea a chegar a acordos “de costas ao pobo, sen explicar claramente os motivos desta operación, que xera un importante rexeitamento social” no municipio e na que os populares só buscan “beneficios económicos e persoais” a costa de entregar a alcaldía aos independentes (que con só dous concelleiros foron terceira forza nas eleccións municipais) e co apoio do BNG. “Que lle move ao BNG a facer isto? Cales son os seus intereses para que non goberne o partido maioritario? Prefire entregarlle o goberno ao PP e aos seus socios? Prefiren que goberne a dereita?”, preguntouse o alcalde de Muxía