O Campus Industrial de Ferrol acolle este venres a súa primeira simulación sobre o funcionamento da ONU da man do grao en Relacións Internacionais

por Redacción A Coruña

As alumnas do primeiro curso do grao en Relacións Internacionais, Sofía Castrillón Riol e Teresa Hermida Ricoy, están a organizar a súa primeira simulación sobre o funcionamento da Organización das Nacións Unidas (ONU). O Modelo de Nacións Unidas (MUN), que é como se denomina esta experiencia de aprendizaxe, terá lugar, o vindeiro venres 3 maio, de 09:00 a 18:30 horas, na Aula Magna da Facultade de Humanidades e Documentación, e reunirá a preto de 70 estudantes do grao en Relacións Internacionais do Campus Industrial de Ferrol, pertencente á Universidade da Coruña, e do Campus Ourense da Universidade de Vigo.

No Modelo de Nacións Unidas (MUN), o alumnado participante pasa a ocupar o lugar dos embaixadores e embaixadoras dos países membros das Nacións Unidas para debater sobre algúns dos temas de actualidade recollidos na axenda da ONU. Deste xeito, o estudantado, baixo a figura de delegado ou delegada, prepara borradores de resolucións, estratexias argumentativas e realiza negociacións con países aliados e adversarios ademais de resolver conflitos botando man das regras do Procedemento das Nacións Unidas.

No caso concreto do CouMUN, nome co que as dúas estudantes da Universidade da Coruña bautizaron esta simulación, o alumnado participará en tres Consellos da ONU. No primeiro deles, o Consello de Seguridade, analizarán e debaterán sobre a invasión de Irak por parte dos Estados Unidos. No segundo, o Consello de Dereitos Humanos, revisarán varios informes sobre a trata de mulleres e, no terceiro, o Consello Económico e Social, buscarán melloras para as persoas refuxiadas de Siria.

Para a posta en marcha desta simulación, as dúas alumnas do Campus Industrial de Ferrol contaron co apoio da decana da Facultade de Humanidades e Documentación, Manuela del Pilar Santos, e dos coordinadores do grao en Relacións Internacionais, o profesor da Universidade da Coruña, Félix Puime; e a profesora da Universidade de Vigo, Laura Carballo.

Un grao bilingüe impulsado pola Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo

O grao en Relacións Internacionais impártese na Facultade de Humanidades e Documentación desde o curso 2022/23. É un grao interuniversitario coa Universidade de Vigo. Os dous últimos anos serán os da especialización, o Campus Industrial de Ferrol oferta a mención en Cooperación Internacional para o Desenvolvemento e o Campus de Ourense a de Xestión de Proxectos Internacionais. Para acceder a este grao, o alumnado deberá acreditar un nivel B1 en inglés no momento de formalizar a matrícula, unha vez teña realizadas e superadas as probas ABAU e obteña a correspondente praza.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario