A VII Carreira do Apóstolo celebrarase o 13 de xullo baixo a organización da asociación Adro de Vilaño

por Redacción A Coruña

A sétima edición da Carreira Popular do Apóstolo vaise celebrar o sábado 13 de xullo, consolidándose como unha das citas deportivas de referencia durante o verán no termo municipal da Laracha. A organización é a cargo da asociación Adro de Vilaño en estreita colaboración co Concello da Laracha

A directiva da entidade, encabezada polo seu presidente, Sergi Pena, presentou o evento xunto ao alcalde, José Manuel López Varela, e a edil delegada da área de Deportes, Patricia Bello, nun acto celebrado na Praza da Areosa de Vilaño, precisamente o punto de inicio e meta da proba principal.

Como datos de interese, avanzouse que a VII Carreira do Apóstolo vai formar parte do IX Circuíto de Carreiras da Deputación da Coruña. A proba raíña será a 10k absoluta que comezará ás 19:00 h, mesmo horario de inicio da 5k xuvenil. Antes haberá probas con percorridos adaptados para as categorías benxamín e alevín (17:50 h), infantís e cadetes (18:10 h) e pitufos (18:45 h). A última saída será a da andaina ás 19:05 h.

As inscricións abriranse o día 1 de xuño e poderán formalizarse ata o 10 de xullo en liña na web carreirasgalegas.com ou tamén presencialmente no Concello, complexo deportivo da piscina municipal da Laracha, TEMPO Social Training e Cultiagro. O custo é de 6 euros a excepción das categorías escolares, que será de balde. Do mesmo xeito que en anteriores edicións desta mesma carreira, a organización doará a metade da recadación á Asociación Española Contra el Cáncer e a Cáritas Parroquial da Laracha. O obxectivo é achegarse aos mil participantes.

A VII Carreira do Apóstolo é só un dos eventos que organiza Adro de Vilaño ao longo do ano. Tamén neste verán teñen programado o Vilaño Fest para o 20 de xullo coa presenza de DJ’s galegos e nacionais de referencia e as festas patronais en torno ao día do Santiago Apóstolo do 24 ao 27 de xullo con algunhas das máis destacadas orquestras da verbena galega. No pasado mes de marzo xa celebraran o Ultra Tomando 2.0.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario