O sindicato denuncia a deterioración das condicións laborais ata o punto de prexudicar a prestación dun servizo público fundamental
CCOO convocou este mércores mobilizacións para esixir melloras laborais e salariais na Axencia Tributaria (AEAT). A protesta en Galicia tivo lugar na Coruña, diante da Delegación Especial da AEAT.
No resto do Estado houbo concentracións en Andalucía, Cataluña, Valencia e Madrid. CCOO denuncia que a dirección da AEAT leva máis de 17 anos sen activar o acordo de carreira profesional do persoal funcionario nin aprobar un novo convenio colectivo para o persoal laboral. Ademais, as condicións laborais deterioráronse ata o punto de prexudicar a prestación dun servizo público fundamental.
Segundo CCOO, os problemas organizativos vense agravados pola diminución do cadro de persoal nos pequenos centros de traballo —especialmente na chamada «España baleirada»—. Neste sentido, a planificación da Axencia no tocante aos recursos humanos «brilla pola súa ausencia».
Para as traballadoras e traballadores da AEAT «xa pasou demasiado tempo» vendo como se melloraban as condicións laborais doutros colectivos, incluso na propia organización, «onde as diferenzas retributivas se dispararon ata niveis inaceptables».
Ademais destas cuestións, CCOO reivindica a negociación de aspectos como o teletraballo, as bolsas de produtividade, un novo modelo de formación ou a declaración de profesión de risco para o persoal de Vixilancia Aduaneira, entre outras.