Luz verde á ampliación do parque infantil da praza de Tabacos

por Redacción A Coruña

O Goberno de Inés Rey prevé levar a cabo un investimento de 122.000 euros na remodelación da área de xogos, unha das que concentra a máis persoas usuarias no barrio de Catro Camiños

O Concello da Coruña acometerá a ampliación do parque infantil da praza da Fábrica de Tabacos, no barrio de Catro Camiños, duplicando a capacidade actual do recinto co obxectivo de adaptalo á súa realidade actual, por ser unha das áreas de xogo que concentra a máis persoas usuarias no distrito.

Actualmente, a superficie da instalación é de 235 metros cadrados e inclúe sete xogos, tanto de uso colectivo como individual, ideados para un máximo de 41 persoas usuarias. Coa remodelación do parque, que incrementará a superficie total ata 325 metros cadrados, disporase do espazo necesario para habilitar o que será o primeiro xogo adaptado do parque, unha nova cúpula sensorial con randeeiras, ideada para promover o desenvolvemento das habilidades motrices da rapazada, e que inclúe diversas estruturas coma un tobogán de roletes e paneis ópticos e un bambán en forma de cápsula.

Coa incorporación da cúpula sensorial, unha estrutura de uso colectivo concebida para o uso de medio cento de persoas, o parque infantil da praza da Fábrica de Tabacos pasará a contar cunha capacidade máxima de 91 usuarias e usuarios, máis do dobre que na actualidade.

Desta forma, o Goberno de Inés Rey avanza no seu Plan integral de mellora dos parques infantís, unha iniciativa destinada a mellorar os espazos de xogo ao aire libre para as crianzas, atendendo ás necesidades específicas destas superficies en cada barrio da cidade. No caso da praza da Fábrica de Tabacos, a área infantil carecía, ata agora, de xogos adaptados a nenas ou nenos con diversidade funcional.

O investimento previsto polo Concello nesta actuación é de 122.313 euros, e os trámites administrativos para a posta en marcha dos traballos xa están en marcha. As obras de ampliación da área de xogos infantís saíron a licitación a semana pasada. Unha vez que se adxudiquen, executaranse nun prazo de catro meses. 

A accesibilidade universal, unha prioridade para o Goberno de Inés Rey

Desde o pasado mandato, o Goberno de Inés Rey está a impulsar o Plan integral de mellora dos parques infantís. Entre as liñas de acción máis destacadas do Plan figura a inclusión de xogos adaptados, unha medida coa que se busca abrir os parques infantís á participación e gozo das nenas e nenos con mobilidade reducida.

Neste sentido, o Concello habilitou a finais de 2021 o primeiro carrusel integrador na área infantil dos Xardíns de Méndez Núñez. Dende entón, e de forma progresiva, fóronse incorporando xogos deste tipo en espazos coma os parques infantís da praza Alcaldesa Berta Tapia (Labañou), a praza de Pontevedra, rúa Ribeira Sacra (Novo Mesoiro), o parque de Vioño, a praza Casares Quiroga (Elviña), a praza Elíptica (Os Rosales), rúa San Xaime (Sagrada Familia), na gran praza central de Xuxán e no parque infantil da Sardiñeira.

Ademais, tamén está previsto incluír xogos adaptados na área infantil da praza de San Cristovo, ao abeiro das obras de ampliación previstas polo Concello, que se licitaron no mes de abril.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario