«Os tempos son chegados. Altri sí, Altri non». Por Francisco López «Chesqui»

por Francisco López "Chesqui"

Secretario Xeral do Partido Galeguista

Chesqui é membro fundador -entre outras- das Fundacións Castelao e Alexandre Bóveda

Debo comezar este artigo confesándolles que levo moito tempo sen escribir en ningún xornal. O motivo de animarme a facelo hoxe é o de trasladarlles a tod@s vostedes, unha profunda ao tempo que sinxela e humilde reflexión, sobor do asunto que nos ocupa e nos preocupa -ou nos debera de preocupar- ao conxunto da sociedade galega, refírome ao macroproxecto de Altri. Penso que «Os tempos son chegados», e chegou o intre de, cando menos, pararnos a pensar e amosar a nosa posición, o noso punto de vista, ao respecto de se a papeleira portuguesa debera ubicarse ou non, no chán da nosa Terra.

Non vou entrar para nada a desgranar o macroproxecto da fabrica de fibras téxtiles e pasta solubre que Altri proxecta levar adiante na Comarca do Ulloa, no Concello de Palas de Rei; nin tampouco que empresarios están involucrados no proxecto. Tampouco vou entrar a analizar se cumpre ou non cumpre os criterios medioambientais e tecnolóxicos que esixen as autoridades europeas. Nin tan sequera no debate que conleva o tratamento das augas industriais e o seu verquiro ao rio Ulla, ou no que podería conlevar un posible vertido á Ría da Arousa – a propósito- a ría de máis produción marisqueira de todas as rías galegas. Nin por suposto tampouco, como lles afectaría aos veciños propietarios dos terreos que se vexan afectados polas canalizacións tanto das augas como eléctricas.

Eu só queríalles pedir, benqueridos lectores, que todos e cada un de nós, poñamos a man nos nosos corazóns e fagámonos todos esta pregunta sinxela…

¿Que Galicia queremos para os nosos fillos, netos e xeracións vindeiras?

¿Queremos unha Galicia, limpa, verde, na que poidamos traballar a nosa terra e o noso mar con dignidade e orgullo?

¿Queremos que Galicia continúe sendo, como ata o de agora, un referente non só na Peninsula Ibérica, senón tamén en Europa a través dos camiños que conducen aos peregrinos ata a cidade Santa de Santiago de Compostela?

Dicía o pai da Patria Galega, o galego máis universal, o primeiro presidente de Galicia no exilio, «Castelao»….»Galiza é a mellor esquina do solar hispánico, cabo do mundo antigo e avanzada de Europa no mar inmenso da liberdade. A arquitectura barroca do noso chán, labrada en pedra granítica, está sempre coberta por un manto de zugoso verdor. Os montes son redondos como peitos de muller, e as serras son como lombos de boi cebado. Os vals son ledos e farturentos. O mar tolea de carraxe cando non-o deixan penetrar na terra; pero cando entra quédase adormecido no leito das rías. Galiza é unha unidade territorial armónica, de forma e coor, perfectamente diferenciada do resto de Hespaña…..»

Só depende de nós a Galicia que queiramos.

! Saúde e Terra!

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario