Empraza Sánchez a desenvolver medidas de rexeneración democrática que garantan avanzar en dereitos e en liberdades frente ao lawfare
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, exixe a Pedro Sánchez a implicación do Goberno do Estado para impulsar máis investimentos na Galiza que permitan desenvolver infraestruturas e servizos, especialmente ferroviarios. Garantir unha transición xusta, retirar os POEM, garantir prezos xustos para o sector agrogandeiro ou conseguir unha AP-9 galega e libre de peaxes foron algunhas das propostas do BNG durante a comparecencia do Presidente do goberno. Así mesmo, Rego convida Sánchez a avanzar en dereitos e liberdades con medidas de rexeneración democrática e apostar por vías de diálogo e negociación no marco internacional para conseguir unha paz xusta e duradeira.
Deberes do Goberno coa Galiza e os sectores estratéxicos
O deputado do BNG no Congreso comezou a súa intervención «por cuestións que preocupan a xente» na Galiza en relación coa vontade real de cumprimento dos acordos estabelecidos por este Goberno. «Vostedes decidiron non elaborar os orzamentos mais iso non pode nin debe implicar deixar de cumprir os acordos estabelecidos: non pode esperar o impulso das infraestruturas viarias e ferroviarias, especialmente a implantación das cercanías ferroviarias, modernizar as liñas entre A Coruña Ferrol e Lugo ou Vigo coa fronteira portuguesa para conectar coa alta velocidade de Portugal no ano 2030» sinala.
A respecto da AP-9, despois de que a Unión Europea ditaminase que a prórroga de 25 anos da concesión realizada polo PP de 2013 a 2048 é ilegal «o BNG quere colocar un punto e final a esta discriminación, pondo fin a esta concesión para pasar a ter unha autoestrada do Atlántico galega e libre de peaxes». Así mesmo, Rego demanda a Pedro Sánchez a aplicación de inmediato os novos descontos e bonificacións na AP-9 e na AP-53.
«Preocúpanos a falta de sensibilidade do Goberno español coa nosa frota pesqueira e, máis unha vez, reclamamos retirar a eólica mariña e non antepor os intereses das grandes eléctricas ao futuro dun sector como o pesqueiro, o marisqueiro e a industria derivada que é fundamental na costa galega» salienta o deputado do BNG. Do mesmo xeito, Néstor Rego exixe estabelecer os mecanismos para asegurar que se garantan prezos xustos no sector agro-gandeiro co obxectivo de que «os produtores non teñan que vender por baixo dos custos de produción».
A transición xusta, asevera Rego, debe facerse con xustiza social para garantir novos investimentos, novas actividades e novas oportunidades. «Na Galiza seguimos reclamando unha transición xusta para Meirama e As Pontes polo que é imprescindíbel recoñecer a capacidade de 1 400 MW do nó de evacuación e realice un concurso de transición xusta» solicita Néstor Rego a Pedro Sánchez durante a comparecencia.
«Se hai diñeiro e vontade política para intervir en Telefónica non entendemos que non poida habelo para salvar unha industria dun sector estratéxico como o aluminio que é fundamental na Galiza e na comarca da Mariña» denuncia Rego mentres solicita a intervención pública por medio da SEPI, aínda que sexa temporal, de Alcoa en San Cibrao.
No ámbito internacional: «Recoñecer o Estado palestino non é suficiente»
En relación coas cuestións internacionais, o deputado nacionalista volveu recriminar a política belicista impulsada pola OTAN ao ditado dos Estados Unidos, seguida polo Goberno do Estado, e demandou ao Presidente do Goberno «apostar decididamente polas vías do diálogo e da negociación para conseguir Paz xusta e duradeira».
Paz «tamén para Palestina», enfatiza Rego, sinalando que o «Estado español debe actuar con decisión» porque «o recoñecemento do Estado palestino é un paso, mais non é suficiente». «Non se entende que se chame indefinidamente a embaixadora na Arxentina e se ameace con romper relacións diplomáticas e, no entanto, se manteña o silencio e a pasividade diante das accións criminais dos dirixentes sionistas» sinala Rego mentres cualifica de «limpeza étnica e xenocidio» o que está a facer o Estado de Israel en Gaza e Cisxordania.
«Deben romper relacións diplomáticas con Israel, aplicar efectivamente un embargo de armas e comercial, hai que reclamar o fin do apartheid e da ocupación de toda a terra da Palestina e colaborar coa Corte Penal internacional para que Netanyahu e a cúpula sionista paguen polos seus crimes» enumera o deputado do BNG. Esta é, continúa, a mínima exixencia non xa política senón simplemente por unha cuestión de humanidade.
Rexeneración democrática frente ao lawfare
O BNG entende a denuncia do lawfare, formulada polo Presidente do Goberno, que o soberanismo leva padecendo máis de 40 anos. Mais, o deputado sinala que é «sorprendente» que a súa reflexión de cinco días non veña acompañada de ningunha medida de rexeneración democrática que vaia adoptar o Goberno para atallar «as políticas de crispación e de utilización espuria de medios privados e públicos para o ataque aos adversarios políticos, moi particularmente a utilización da administración de Xustiza para ese obxectivo».
«É necesario desenvolver medidas de rexeneración democrática que garantan avanzar en dereitos e en liberdades, incluídos os dereitos colectivos das nacións que, como a Galiza, formamos parte do Estado español» demanda Néstor Rego. Do mesmo xeito, rematou a intervención alertando que, se non for así, «será unha oportunidade perdida para avanzar en democracia».