Rueda pon a Lei do litoral como “exemplo da aposta de Galicia polas políticas de aproveitamento sostible dos recursos naturais”

Indica que o ministro de Política Territorial confirmou o “envío próximo” dun primeiro borrador para iniciar a negociación coa Xunta e convocar despois a Comisión Mixta de Transferencias

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, enxalza a Lei de Ordenación e Xestión Integrada do Litoral (Loxilga) como exemplo da aposta de Galicia polas políticas de aproveitamento sostible dos recursos naturais. “Fixemos unha norma escoitando aos que realmente saben, expertos en dereito administrativo, en economía marítima… Non pretendemos outra cousa que exercer a nosa capacidade co convencemento de que desde aquí o podemos facer mellor e de que hai unha normativa xurídica estatal que debemos acatar tamén”, apuntou.

Así o sinalou durante a inauguración das xornadas A cuestión do litoral: visións a partir da doutrina constitucional de 2024, organizadas pola Universidade de Vigo e á que tamén asistiu a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, onde lembrou a relevancia do litoral galego, onde residen 1,5 millóns de persoas, se xeran 40.000 empregos directos vinculados ao mar e se produce un impacto económico que representa case o 5% do PIB da comunidade (máis de 9.000 M€).

Así, Rueda recordou que a Lei de Ordenación e Xestión Integrada do Litoral, pioneira en España, foi “aprobada polo Parlamento de Galicia sen votos en contra” e avalada polo Tribunal Constitucional o pasado mes de abril, a pesar de quedar paralizada durante meses polo recurso interposto polo Goberno central.

A pesar disto, o presidente indicou que acaba de recibir unha carta do ministro de Política Territorial e Memoria Democrática onde apunta ao “envío próximo” dun primeiro borrador por parte do Goberno central para iniciar o proceso de negociación coa Xunta, que culminaría coa convocatoria da Comisión Mixta de Transferencias. Unha ferramenta necesaria para poder levar a cabo o traspaso a Galicia dos medios materiais e persoais que permitirán estar en disposición de outorgar as concesións no litoral.

“Espero que ese documento que se nos vai enviar sirva como documento de traballo rápido para, de inmediato, constituír a Comisión e poñernos a traballar canto antes, que se nos dote dos medios para poder exercer o noso dereito e poder empezar a ser eficaces”, indicou.

O titular do Goberno galego tamén fixo fincapé na necesidade de abordar debates sobre novas actividades, como a eólica mariña, asegurando sempre a compatibilidade da preservación “dos dereitos do noso sector pesqueiro, un dos máis potentes de Europa, co desenvolvemento económico e as oportunidades que poden supoñer”.

Vindeiro paso

A Xunta continúa a avanzar neste proceso lexislativo, polo que o próximo mércores, 9 de outubro, se constituirá a Comisión Interdepartamental para a coordinación da Loxilga. Un órgano que terá como obxectivo supervisar a elaboración, aplicación e seguimento dos diferentes instrumentos de ordenación nos que se apoia a norma, co fin de garantir a xestión responsable do litoral galego.

Comparte éste artículo
No hay comentarios