Sumar Galicia presenta as liñas mestras do seu programa para as vindeiras Eleccións Europeas

por Redacción Galicia

Juan Díaz Villoslada, candidato ás eleccións, estivo arroupado no acto por Paulo Carlos López, portavoz de SUMAR Galicia, e Rocío Nuñez, coordinadora de programa

Medidas específicas redactadas dende e para Galicia, esas son as claves principais do programa de SUMAR Galicia para as vindeiras eleccións europeas, que terán lugar o domingo 9 de xuño e ás que a formación concorre con Juan Díaz Villoslada como candidato -número dez dentro da lista estatal de SUMAR-. Hoxe el mesmo presentaba as liñas mestras deste programa, acompañado por Paulo Carlos López, portavoz de SUMAR Galicia, e Rocío Nuñez, coordinadora de programa, nun encontro cos medios.

Entre as medidas presentadas destacan algunhas das reivindicacións habituais da formación para o noso país, como a anticipación dos prazos do Corredor Atlántico, garantindo a conexión A Coruña-Ferrol-Lugo-Monforte e a conexión con Portugal, unha esixencia que esta mesma semana volvía á palestra. «Non é aceptable que Galicia teña que esperar 25 anos máis para ter conexións verdes, eficientes e regulares con Europa», comenta Villoslada, «levamos demasiado tempo esperando».

Na mesma liña de facilitar as comunicacións e a vida diaria de galegas e galegos, o programa contempla o rescate urxente da AP9, «cuxa prórroga foi aprobada en minutos de desconto polo goberno do PP, e que lastra constantemente a vida diaria de todos os cidadáns, autónomos e pemes galegas. Este gasto sitúanos en desvantaxe con respecto a outras rexións, e non é algo admisible. É primordial contar con comunicacións verdes competitivas que favorezan o transporte colectivo sostible, e traballar en que as comunicacións tradicionais, como a AP9, que resultan imprescindibles para moitas das nosas empresas, non sexan un feito diferencial con respecto a outros territorios».

A economía estará, por suposto, no centro do programa. «Unha economía co seu foco posto nas persoas, na realidade da cidadanía. Por iso melloraremos a política pesqueira común e a política agraria da unión europea, poñendo no foco e potenciando a realidade da Galicia pesqueira e agrícola e axudando a reforzar a fornecer ao sector».

Neste sentido, a reindustrialización de Galicia é unha prioridade fundamental, «pero con sentido común. Reindistrializar si, pero non a calquera prezo. É preciso unha política europea de reindustrialización verde, sostible e de futuro, que non lastre nin deteriore o territorio e que garanta riqueza, postos de traballo e un benestar a longo prazo, por iso reivindicamos o Pacto Verde en Europa».

A estas medidas, fundamentais no seu programa, SUMAR Galicia engade outras reivindicacións. «Estamos especialmente preocupados pola deriva á ultradereita en Europa, e cremos imprescindible un pacto global que free o fascismo e garanta a liberdade das persoas e a consolidación dos dereitos civís xa acadados».

«Onte houbo na Coruña unha xuntanza con 23 embaixadores europeos, e nin unha soa palabra sobre o xenocidio en Palestina», apunta o candidato, «este é un deses asuntos nos que Europa non pode permanecer calada, é imperativo traballar por unha Europa máis forte e máis próspera, pero iso non é posible se esquecemos os nosos principios».

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario