Javier Arias, insta ao Concello de Lugo a “asumir as súas responsabilidades e resolver o problema de aparcamento que eles mesmos crearon”

por Redacción Lugo

Primeiro cun carril bici mal deseñado, logo coa reorganización do tráfico e agora coas obras de peonalización. «Resulta incomprensible que non previran a construción de aparcamentos disuasorios cando decidiron eliminar o tráfico de vehículos do centro», apunta.

Neste sentido, lembra que a Xunta está a investir 1,2 millón de euros no aparcamento da avenida de Breogán, preto dos novos servizos sociosanitarios do barrio da Residencia, «porque nós si traballamos con planificación á hora de facer cidade», e precisamente esta foi unha das zonas máis prexudicadas pola eliminación de prazas para o carril bici.

Arias cre que o BNG fai un labor de «oposición á Xunta en vez de gobernar e levar a cabo proxectos para os que o Concello é plenamente competente; usa temas recorrentes nos que esixe aos demais o que el non fai». Así ocorre, indica, con este e outros asuntos como A Tinería, onde se inhiben de actuar mentres critican ao Goberno galego «que leva investidos máis de 26 millóns de euros e rehabilitadas 96 vivendas».

O delegado afirma que o BNG «pon a pelota sempre no tellado da Xunta» cando o Concello non habilita prazas de aparcamento na cidade, nin sequera as que anunciara no barrio do Carme, e a Deputación tamén ten opcións en instalacións como a Escola de imaxe e son ou o Centrad; «pero que esperar -destaca- se a estas alturas aínda teñen pechado o do Fogar de Santa María, que parecía tan urxente que ata talaron as árbores sen permiso, con aleivosía e co silencio do Bloque, que son ecoloxistas só cando convén».

Instalacións autonómicas

Arias expón, unha vez máis, que o estacionamento do Edificio Multiusos da Xunta en Lugo está ocupado polo parque móbil da Administración e ten que asegurar que queden prazas para o persoal pola operatividade de servizos que funcionan as 24 horas os 7 días da semana, como emerxencias ou incendios. Ademais, dá acceso ás oficinas e non se pode poñer en risco a seguridade ou a custodia dos expedientes.

En relación aos demais espazos cuxa apertura solicita o BNG, o aparcamento da Facultade de Formación do Profesorado depende da Universidade de Santiago de Compostela, e o do instituto Lucus Augusti fará falta para os vehículos de obra que traballarán proximamente na rehabilitación integral do edificio, na que a Xunta inviste 3,4 millóns de euros.

No instituto Nosa Señora dos Ollos Grandes veñen de rematarse as obras de rehabilitación -por importe de 1,6 millóns de euros-. O equipo directivo tería que valorar a proposta, aclara o delegado, pero de luns a venres hai actividade lectiva tamén polas tardes polo que só sería factible os sábados e domingos, que é xusto cando menos problemas de aparcamento se producen na zona, e o Concello debería garantir que o parking estivera despexado de vehículos o luns a primeira hora.

En todo caso, conclúe, «é unha superficie pequena e non resolve o problema da cidade. A visión do BNG é poñer parches e ofrecer máis prazas só durante unhas horas, cando o que precisamos son estacionamentos estables e a disposición dos cidadáns as 24 horas, que se lograrán cunha boa xestión municipal, non con vallas publicitarias».

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario