Que bonito coincidir. Por @DulceCorcu

por Dulce Corcu

Acaba de morrer Paul Auster, un dos meus autores favoritos por esa fascinación que sentía polo azar, por eses breves segundos capaces de poñer a nosa vida patas arriba con só dobrar un curruncho ou cruzar unha rúa. Algo así foi coñecer a Juan Cabrejo, alguén a quen podía ver cada domingo no Ara Solis, mais alí os nosos camiños nunca chegaran a cruzarse. Foi de noite, nun verán de hai case tres anos e, incriblemente, sen fútbol de por medio. El na súa casa e eu na miña, vendo un programa de televisión deses de matar o tempo e prepararse para ir durmir. Tan intrascendente como irrelevante, pero co azar de por medio xogando sen balón para que fose aí, nese restaurante virtual, onde comezase o noso partido.

Todo este tempo, é culpable de que viva cun corazón tinguido de azul. Que pasase de anos sen pisar Camariñas a facelo todas as fins de semana, que me acostumase a recibir afecto e á sensación de atoparme sempre na casa. A sentir outra vez o fútbol desde a raíz, a ras de herba con ese mundo miúdo que xa me quedaba tan lonxe, rodeada novamente de pais e nais, conversas sobre rivais e xantares rápidos na cantina antes de volver á competición. Na fronteira dunha nova década, nel aínda reina o talante xuvenil, fresco e empático de quen nunca se deixa abater nin é de queixarse. Prefire vivir. Por iso, síntome unha privilexiada sendo unha desas persoas que navegan ao seu carón. De verdade….Que bonito coincidir!

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario