A permuta de parcelas ou a rehabilitación da Tinería centraron unha reunión mantida hoxe entre representantes e técnicos de ambas Administracións
A Xunta de Galicia e o Concello de Lugo abordaron hoxe nunha reunión asuntos relativos aos proxectos de construción e rehabilitación de vivendas de promoción pública do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) na cidade que precisan da colaboración ou tramitación da Administración Local.
A xuntanza celebrouse, nun clima de cordialidade, a instancias do Goberno galego e a tal fin desprazáronse á Casa do Concello o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, e o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, que se reuniron coa alcaldesa, Paula Alvarellos, así como con técnicos de ambas institucións, entre outros.
Entre os temas que trataron figura a permuta de parcelas para poder executar a promoción de vivendas que estaba prevista no barrio do Castiñeiro, cun orzamento de 7,8 millóns de euros. A Xunta propuxo hai máis dun ano intercambiar este espazo por outro solar municipal que reúna as condicións necesarias para edificar.
Ambas administracións acordaron volver a reunirse para avanzar en temas pendentes coma a rehabilitación de inmobles e outros espazos coma o pazo de Dona Urraca.