A integrante da candidatura do BNG afirmou que «a vindeira lexislatura europea ten que facer que todos os pobos avancemos en xustiza social e benestar»
A integrante da candidatura do BNG ao Parlamento Europeo, Mar Pérez Fra, mantivo un encontro con xubilados de Lugo, onde escoitou as principais reclamacións do colectivo e achegou as liñas de traballo que o BNG defenderá na vindeira lexislatura europea. Mar Pérez Fra afirmou que «é preciso avanzar en xustiza social e benestar, rachando co modelo actual da UE baseado en recortes sociais e laminación de dereitos para as maiorías, rescatando con diñeiro público as perdas privadas da banca e das grandes empresas».
Fronte ao modelo socio-económico imperante na UE, que promove políticas económicas antisociais, contrarias ao desenvolvemento de nacións como Galiza e que provocan fondas desigualdades económicas, territoriais e sociais, o BNG defende os dereitos das maiorías sociais do noso País. «Desde o BNG combateremos o deseño neoliberal que marca a UE e que despois o Estado español traslada por vía lexislativa, normativa e orzamentaria, especialmente na laminación de dereitos e conquistas sociais», explicou Mar Pérez Fra, que engadiu «é hora de darlle a volta aos recortes no sistema público de benestar social, rematando co desmantelamento dos sistemas públicos de servizos sociais a través das restricións que a UE exerce en materia de política económica e monetaria».
«Un escano do BNG no Parlamento Europeo marcará a diferencia na defensa doutro modelo de Europa que inclúe todas as causas xustas, unha Europa social, pacifista e dos pobos», declarou a candidata do BNG, que engadiu «o traballo feito polo BNG en Bruxelas é o mellor aval para asegurar que a papeleta do BNG é garantía de defensa dos intereses galegos e, ao mesmo tempo, garantía de defensa dunha Europa xusta, antifascista, antimilitarista e pola paz».