O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, acompañados polo presidente do Club Deportivo Lugo, Tino Saqués, visitaron o estadio do Anxo Carro na planificación do proxecto de reforma do estadio lucense que contará cun importe de tres millóns de euros distribuído en dúas anualidades.
O pasado luns 20 de maio asinouse o contrato de redacción do proxecto de reforma do Anxo Carro e tras a reunión mantida hoxe entre os representantes de Xunta, equipo redactor e club, esta mesma tarde enviarase a Concello de Lugo o anteproxecto de reforma do estadio para que os técnicos municipais poidan ir avaliando aspectos técnicos mentres se redacta o proxecto. O equipo redactor conta agora con trece semanas para redactar o proxecto polo que no vindeiro mes de setembro, a Xunta pedirá a licenza de obra ao Concello de Lugo para comezar os traballos canto antes.
Deste xeito e cumprindo os prazos, en xaneiro de 2025 procederase á licitación da obra. A idea é ter o contrato asinado en maio e comezar a obra en xuño, sempre e cando se conte coa licenza municipal emitida polo Concello de Lugo.
Actuacións a realizar
As actuacións deste proxecto de reforma do Anxo Carro realizaranse nas súas catro gradas. A grada sur desmontarase e farase unha grada nova fixa e definitiva. Nas gradas norte e oeste, faranse reformas orientadas a accesibilidade, funcionalidade e seguridade con novos accesos e aseos. Na grada leste desmontarase a cuberta e realizarase unha cuberta nova reorganizando a zona do palco, implementando os bancos na grada e incluíndo un ascensor.
A previsión é que en tres destas gradas -sur, oeste e norte- actúese conxuntamente entre xullo e outubro de 2025. A grada leste, onde está o palco e os vestiarios, levará máis tempo, polo que se prolongará ata o ano 2026, intentando compatibilizar a práctica deportiva do Club Deportivo de Lugo.