Inés Rey recibiu aos organizadores do evento, que se desenvolverá no Parrote entre o mércores 29 e o venres 31 de maio
A Coruña acollerá a celebración do XVIII Encontro Nacional de Rescate en Accidentes de Tráfico e Trauma, que terá lugar no paseo do Parrote entre mañá, mércores 29, e o venres 31 de maio. A alcaldesa, Inés Rey, recibiu a Miguel Ángel Muelas, presidente da Asociación Profesional de Rescate en Accidentes de Tráfico, acompañada da concelleira de Seguridade Cidadá, Montserrat Paz, e o director da área de Seguridade Cidadá, Carlos García Touriñán.
O encontro constitúe un importante evento formativo a nivel nacional e con repercusión internacional na formación de técnicas de rescate en accidentes de tráfico e atención ao trauma, co obxectivo de mellorar a atención, seguridade e benestar da cidadanía. “A realización na nosa cidade deste evento é froito do gran traballo diario que se leva a cabo desde a Área de Seguridade Cidadá e desde o noso excelente corpo municipal de bombeiros, buscando sempre a súa mellora e a súa formación para lles axudar aos coruñeses e ás coruñesas”, sinalou a alcaldesa.
Nestas xornadas hai inscritos 31 equipos de trauma e 23 de excarcelación de todo o país, que levarán a cabo as súas manobras no paseo do Parrote o mércores (das 14.00 ás 19.00 horas), xoves (das 9.00 ás 19.20 horas) e venres (das 8.00 ás 18.15 horas). “A cidadanía terá a oportunidade de ver os mellores profesionais mellorar as súas técnicas de rescate nun espazo inmellorable”, apuntou Montserrat Paz.
Durante as xornadas contarase coa orientación de persoas expertas na materia, que compartirán a súa experiencia e coñecemento. “Desde o Goberno de Inés Rey e o equipo de bombeiros da Coruña apoiaremos sempre calquera iniciativa que fomente a prevención e mellora da calidade de vida da nosa cidadanía”, apuntou a concelleira de Seguridade Cidadá.
O XVIII Encontro Nacional de Rescate en Accidentes de Tráfico e Trauma está organizado polo Concello da Coruña, a Asociación Profesional de Rescate en Accidentes de Tráfico, a Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros, o corpo de bombeiros da Coruña e a Fundación MAPFRE.