A EPEF organiza a súa III Xornada de Portas Abertas dirixida a alumnado de bacharelato e de FP

por Redacción A Coruña

A Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) organiza, baixo o paraugas do Campus Industrial da Universidade da Coruña, a súa III Xornada de Portas Abertas, dirixida a alumnado de bacharelato e de ciclos superiores de FP, o vindeiro venres 14 de xuño, de 11:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 19:00 horas. Ao longo da xornada, as persoas participantes poderán achegarse á oferta formativa do centro e visitar algúns dos seus laboratorios.

A Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) oferta os graos en Enxeñaría Mecánica, en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais, en Enxeñaría Naval e Oceánica, en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática e o Programa de Simultaneidade en Enxeñaría Mecánica e Enxeñaría Naval e Oceánica. A maiores, esta escola da Universidade da Coruña oferta tamén o grao en Enxeñaría Eléctrica, o primeiro grao dual do Sistema Universitario de Galicia (SUG) e o grao aberto en Enxeñaría Industrial, unha titulación que lle permite ao estudantado elixir a carreira que finalmente vai estudar no segundo curso, podendo cursar finalmente o grao en Enxeñaría Mecánica, en Tecnoloxías Industriais, en Enxeñaría Eléctrica ou ben o grao en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática.

O prazo de inscrición na III Xornada e Portas Abertas da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) permanecerá aberto ata as 14:00 horas do mércores 12 de xuño. Máis información enviando un correo electrónico a subdireccion.estudantado.difusion.epef@udc.gal ou ben chamando ao 881 01 3226.

Inscrición – III Xornada de Portas Abertas da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF)

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario