A Xunta propón un novo edificio para o Centro de Saúde do Sagrado Corazón

por Redacción Lugo

Configúrase unha área permeable co entorno, da que se eliminan edificacións sen uso para construír unha praza e habilitar accesos aos servizos e ás vivendas da contorna

O proxecto da Xunta de Galicia para o novo centro de saúde do Sagrado Corazón, en Lugo, propón a construción dun novo edificio, unha praza pública, novos accesos e zonas verdes, configurando unha área aberta ao entorno, integrada coa igrexa, as vivendas e outros espazos circundantes.

O Goberno galego expuxo hoxe a súa proposta ao Concello de Lugo nunha reunión na Delegación Territorial na que participaron o delegado territorial, Javier Arias; a alcaldesa, Paula Alvarellos; o xerente da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; Óscar López, de OLAestudio, arquitecto autor do proxecto por encargo da Consellería de Sanidade, así como representantes e técnicos de ambas administracións.

Logo de avaliar distintas solucións técnicas, a Xunta opta por edificar un inmoble para acoller os servizos sanitarios, que será moderno, amplo, funcional e confortable, e estará situado dunha maneira transversal á rúa no lugar que ocupaba a pista polideportiva.

Javier Arias apuntou que o Goberno galego quere “abordar a construción do novo centro de saúde como unha oportunidade de mellora urbana para o barrio, cunha proposta que non só da resposta ás necesidades sanitarias senón que contribúe a facer cidade, na liña da intervención realizada no barrio da Residencia”.

Así, elimínanse catro edificacións sen uso -entre elas dúas no perímetro xunto á igrexa-,  deixando en pé a principal, e no seu lugar créanse os accesos e espazos axardinados. Ademais, con esta medida resólvense os problemas de accesibilidade que sofren os veciños e veciñas do edificio que linda co vello patio escolar. 

Arias destacou que se trata dun proxecto urbano que cambiará o barrio, despexando unha zona que presenta unha excesiva densidade edificatoria, gañando espazos verdes e mellorando a conectividade porque se crean vías públicas para o tránsito de peóns, ambulancias e outros vehículos.

“O proxecto, que creo que tivo unha boa acollida tanto polo Goberno municipal como polos veciños, non se limita a deseñar o centro de saúde, senón que quixemos ir un paso máis alá e deseñar un espazo que cambie a dinámica urbanística e social desta zona, e por iso tamén espero a colaboración do Concello neste asunto de vital importancia para a cidade unha vez que se materialice a cesión dos terreos”, indicou o delegado.

Reunión cos veciños

Aproveitando a presenza dos técnicos e do redactor do proxecto, e dado que a Asociación de Veciños Sagrado Corazón solicitara unha reunión por este tema, Javier Arias reuniuse posteriormente con representantes desta entidade para explicarlles os pormenores da proposta.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario