O PP quere que os elementos «singulares e únicos» do Concello de Lugo formen parte dunha marca turística propia

por Redacción Lugo

O Partido Popular conseguiu en 2020 o apoio da corporación para que  a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia se declare Ben de Interese Cultural Inmaterial. Co ánimo de avanzar neste recoñecemento, os populares piden a corporación que aprobe unha iniciativa para que apure este trámite.

Os populares salientan a importancia de que esta celebración sexa BIC xa que “non só contribúe a preservar esta tradición, senón que tamén pode atraer máis turismo, promovendo a cooperación entre os antigos reinos de Galicia”.

Dende o PP aclaran que “se trata dunha cerimonia única en Galicia e que paga a pena que se promocione” considerando que “este recoñecemento oficial potenciará este evento e que será outro atractivo turístico máis de Lugo”.

Estamos falando dunha celebración “que ten un valor histórico, social, cultural … ese trasfondo profundo e complexo garantiu tres séculos e medio de vida desta tradición”.

A proposta do BIC da Ofrenda conta co visto bo das corporacións dos concellos de Ferrol, Ourense, A Coruña, Tui, Santiago de Compostela, Betanzos e Mondoñedo que son os que formaban parte do Antigo Reino de Galicia.

Ofrenda Antigo Reino de Galicia

Anualmente, o domingo seguinte ao Corpus Christi ten lugar en Lugo un acto institucional e relixioso no que participan os mandatarios das antigas capitais do Reino de Galicia: A Coruña, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela, Mondoñedo, Betanzos e Tui. Trátase da ofrenda ao Santísimo e a súa posterior procesión pola cidade, coa que aqueles cumpren co voto solemne que fixeron en 1669, ante as dificultades económicas da Catedral de Lugo, de dotala dunha renda anual coa que iluminar o Altar Maior.

Desde 1925 até os nosos días o rito da Ofrenda celébrase do mesmo xeito, nunha misa solemne na que participan por quendas rotatorias anuais os representantes municipais das sete cidades. Ademais, entre as tradicións litúrxicas, unha banda de gaiteiros interpreta a Marcha Solemne do Antigo Reino de Galicia con gaitas en tres tonalidades e percusión.

Trátase dunha tradición ligada á Catedral de Lugo, un ben incluído singularmente na declaración dos Camiños de Santiago do Norte de España, Patrimonio da Humanidade desde o ano 2015 polos seus extraordinarios valores artísticos, históricos e culturais, que mantén o privilexio papal da exhibición permanente do Santísimo Sacramento.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario