Un selo conmemorativo recorda a figura da poeta Luísa Villalta

por Redacción A Coruña

O Concello, en colaboración coa Sociedade Filatélica da Coruña, promoveu esta edición especial en conmemoración do Día das Letras Galegas. A alcaldesa, Inés Rey, fixo entrega do selo á familia da escritora

A alcaldesa, Inés Rey, fixo entrega á familia de Luísa Villalta dun selo conmemorativo protagonizado pola poeta con motivo do Día das Letras Galegas 2024. A rexedora recibiu en María Pita a María Gómez, nai, e Susana Villalta, irmá da poeta. Tamén asistiu ao acto José Luis Rey Barreiro, presidente da Sociedade Filatélica da Coruña. 

O selo conmemorativo dedicado á figura de Luísa Villata está promovido polo Concello e a Sociedade Filatélica da Coruña e emprega a imaxe coa que o Goberno municipal celebrou o Día das Letras Galegas, dedicado á poeta coruñesa. Selouse e púxose en circulación o pasado 17 de maio. A nai e irmá da escritora recibiron o sobre franqueado co selo de mans da alcaldesa e do presidente da Sociedade.

«Quero agradecer a colaboración de diferentes entidades e administracións na conmemoración destas Letras Galegas tan especiais para a cidade, enriquecendo toda a programación promovida desde o Concello para honrar a nosa querida Luísa», sinalou Inés Rey. A Coruña foi a sede central das celebracións e dos actos institucionais polo Día das Letras Galegas 2024 que conmemoraron a obra e figura de Villlalta.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario