A iniciativa é posible grazas ao programa Joint Graduate Design JGD, posto en marcha no curso 2013/2014 no marco da materia final “Proxectos 9” do Grao en Arquitectura
O Joint Graduate Design JGD é un programa excepcional que se leva a cabo na materia final “Proxectos 9”, dentro plan de estudos do Grao en Arquitectura que se imparte na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña (ETSAC). A iniciativa púxose en marcha no curso académico 2013/2014 entre a ETSAC e o Instituto de Tecnoloxía de Harbin HIT de China, incorporándose no ano 2017 o Instituto de Tecnoloxía de Mongolia Interior IMUTSoA. Desde entón, a Escola da UDC ten firmado acordos entre institucións para desenvolver este programa anualmente, chegando nesta ocasión á súa edición número XI.
No marco desta iniciativa, 4 profesores e dezaséis estudantes das universidades chinesas Harbin Institute of Tecnology (HIT) e Inner Mongolia University of Technology (IMUTSoA) visitan esta semana a ETSAC, onde participarán en varias actividades académicas xunto co alumnado do Grao en Arquitectura da UDC e desde onde realizarán saídas ás cidades da Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela.
O alumnado procedente de China visitou estes días a Reitoría da UDC, onde foi recibido polo vicerreitor de Titulacións e Internacionalización, Moisés Canle. Durante a visita estiveron acompañados pola subdirectora de Relacións Institucionais da ETSAC, Patricia Alonso-Alonso; e polo profesor Luis Walter Muñoz Fontenla, un dos docentes coordinadores do programa, xunto con Jesús Irisarri Castro, Emilio Rodríguez Blanco, e Miguel Abelleira Doldán, actual director da Escola.
O obxectivo principal do Joint Graduate Design JGD é o desenvolvemento conxunto dun proxecto arquitectónico a gran escala a través de talleres dos que forman parte estudantes seleccionados en cada unha das institucións participantes, que deberán formar grupos para presentar unha proposta na súa escola.
O sitio para o que se idea o proxecto alterna cada ano entre Galicia e as cidades chinesas de Hohhot e Harbin, ubicándose na actual edición do programa en Harbin Arsenal, no río Songhua; cohabitando coas instalacións industriais e a área residencial dos traballadores do Arsenal preexistentes.
A iniciativa comezou co desenvolvemento de dúas reunións por semestre, nas que se realizou cadanseu taller semanal entre estudantado e profesorado das tres universidades, para facilitar o intercambio de coñecemento. Agora, durante o encontro desta semana, avaliaranse os traballos presentados. O procedemento de avaliación correrá a cargo dun xurado composto por profesorado das tres institucións académicas participantes, quen escollerá aos vencedores tras valorar as presentacións abertas ao público e os documentos dos deseños que realizará o alumnado.
Ademais, coa finalidade de mellorar a colaboración académica entre o profesorado das tres institucións participantes, o programa do XI Joint Graduate Design JGD incluíu o seminario IMUTHIT24, un encontro científico e docente que tivo lugar o martes na ETSAC, e no que estiveron representadas as seis áreas de coñecemento involucradas na docencia en Arquitectura da Escola.