Comezan as contadas infantís sobre Luísa Villalta, unha das actividades da campaña das Letras Galegas da Deputación

por Redacción A Coruña

Arteixo acollerá a primeira das sesións impartidas polo colectivo ‘Polo correo do vento’, que continuarán en diferentes localidades da provincia ata o 22 de xuño

Hoxe comezan as contadas infantís programadas en diferentes localidades coruñesas pola área de Lingua da Deputación da Coruña, dentro da súa campaña para honrar a Luísa Villalta, a homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas. A esta acción súmanse outras como a publicación dun vídeo documental sobre a autora, que xa está dispoñible para a súa visualización na canle de YouTube da Deputación.

A Asociación veciñal do Alto de Arteixo acolle hoxe a primeira das contadas, que estarán impartidas por ‘Polo correo do vento’, un colectivo especializado en actividades pensadas para o público máis novo co fin de promover a lectura, a comprensión oral en galego e o desenvolvemento da creatividade e expresión artística das nenas e nenos.

Durante estas sesións, repartiranse ademais 300 exemplares de Tinta do mar, biografía de Villalta asinada por Polo Correo do Vento e ilustrada pola artista plástica Tania Solla. Despois de Arteixo, continuarán o 5 de xuño en Mazaricos e Zas; o 10 en A Baña; o 14 na Coruña; o 20 en Culleredo e Ferrol e o 22 en Ribeira e Outes.

Programación anual

Ademais destas contadas e da gala celebrada no Teatro Colón o pasado 15 de maio, o programa posto en marcha pola Deputación para o Día das Letras Galegas inclúe outras actividades como a realización do documental ‘Luísa Villalta. Silencio me chaman’, no que participan as voces de Xurxo Souto, Pilar G. Negro, Beatriz Maceda, Ana Pillado, Maribel Longueira e Rubén Anido, e que xa está dispoñible na canle de YouTube da Deputación.

A estas iniciativas súmanse os 20 obradoiros sobre Luísa Villalta, con especial fincapé na perspectiva de xénero, en centros de Primaria e Secundaria da provincia. Impartiranos María Canosa, Estíbaliz Espinosa, Eli Ríos, Maribel Loureira, Chisco Fernández Naval, María Cazar e Eva Veiga. Ademais, un de escritura creativa, que xa se comezou en Santiago, conducido por Marga Doval. E ademais, a distribución de 300 exemplares da novela de Villata As chaves do tempo —reeditada por Cuarto de inverno logo de ano fóra de catálogo— nas actividades organizadas pola Deputación, bibliotecas e axencias de lectura de toda a provincia.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario