O pleno municipal de Lugo aproba a proposta do BNG para a mellora das condicións laborais en Galicia

por Redacción Lugo

A iniciativa, iniciada pola CIG, reclama a derrogación da reforma laboral de 2012 e a aprobación dun cambio radical na reforma de 2021 para a creación de emprego digno e con dereitos

A concelleira Cristina López defendeu no Pleno a proposición do BNG ante a urxencia de medidas para rematar coa precariedade, o abuso da contratación a tempo parcial e coa temporalidade en todos os sectores. A iniciativa parte da proposta achegada pola CIG dentro da súa campaña STOP PRECARIEDADE, TRABALLO DIGNO. A proposición foi aprobada co apoio de BNG e PSOE, e coa abstención do PP.

Cristina López lembrou que «dous anos despois da aprobación da última reforma laboral confírmouse o que xa viñamos denunciando que sucedería, con novas modalidades de contratación polas que se multiplica a precariedade e cuxo resultado é unha clase traballadora empobrecida sen os ingresos necesarios para vivir dignamente e poder acceder a dereitos básicos como alimentación e vivenda, especialmente no caso da mocidade».

Deste xeito, cómpre facer realidade un piar básico do Marco Galego de Relacións Laborais e poder exercer o dereito a decidir e negociar en Galiza as nosas propias condicións de traballo, polo que «se reclamará Goberno galego á urxente aprobación dun Plan galego de recuperación económica, industrialización, creación de emprego digno e servizos públicos na nosa terra», insistiu a concelleira.

Cristina López tamén demandou ao Goberno español a derrogación da reforma laboral de 2012 e aprobar un cambio radical na reforma de 2021 para a creación de emprego digno e con dereitos e aprobación dunha nova lexislación laboral e social que restitúa os dereitos perdidos.

A proposta considera fundamental instar aos Gobernos español e galego a «reducir a xornada laboral semanal ás 35 horas para avanzar na aplicación da xornada de catro días a 32 horas á semana, xa que os avances tecnolóxicos e os cambios na organización do traballo permiten facelo para xerar máis riqueza social», explicou López.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario