Unha investigación do CiMUS da USC abre a porta a novas opcións terapéuticas para a enfermidade do fígado graxo non alcohólico

por Redacción Galicia

O traballo, que acaba de ser publicado na revista Hepatology, identificou unha nova diana relacionada cunha proteína implicada no desenvolvemento desa doenza

Persoal investigador do equipo do grupo Molecular Metabolism do CiMUS da USC, dirixidos por Rubén Nogueiras, acaban de descubrir unha nova diana relacionada cunha proteína implicada no desenvolvemento da enfermidade do fígado graxo non alcohólico, unha patoloxía para a que non existe tratamento que afecta xa o 25% da poboación española e cuxa incidencia crece ano tras ano.

Diversos estudos demostraron que esta enfermidade se está convertendo nunha das causas máis importantes de enfermidade hepática en todo o mundo, cunha taxa de prevalencia global estimada de arredor do 30%, o que supón un desafío importante para a saúde pública en todo o mundo.

Claro risco de enfermidade hepática

O traballo, que acaba de ser publicado na revista Hepatology, identificou unha nova diana na enfermidade hepática graxa asociada á disfunción metabólica ou MASLD (do inglés, metabolic dysfunction-associeated steatotic liver disease).

MASLD caracterízase por acumulación de graxa no fígado (un 5% de graxa é suficiente para clasificar o fígado como graxo), e está estreitamente vinculada a trastornos metabólicos como a obesidade e a diabete tipo 2. Esta enfermidade abarca desde a simple acumulación de graxa no fígado ata a esteatohepatite asociada metabólica (MASH), que pode progresar a cirrose e mesmo a cancro de fígado. O aumento da prevalencia de MASLD tanto en países desenvolvidos como en vías de desenvolvemento provocou que se converta na causa máis frecuente do carcinoma hepatocelular (CHC) e require transplante de fígado.

Proteína esencial tamén fronte a infección virais

Este estudo demostra que as persoas con MASLD teñen niveis elevados dunha proteína chamada MAVS (proteína de sinalización antiviral mitocondrial) no fígado, que ata agora é coñecida porque desempeña un papel crucial na resposta inmunitaria do organismo ante as infeccións virais. Ademais, MAVS tamén está elevada no fígado de ratos alimentados con dieta rica en alimentos procesados, graxas saturadas, azucres refinados e carnes vermellas. «A inhibición de MAVS no fígado diminúe significativamente a acumulación de graxa, a inflamación e o dano neste órgano» indican as principais autoras da investigación», Eva Nóvoa e Natália Lima.

No contexto de MASLD, a inflamación desempeña un papel crucial, xa que a activación de certas vías promove a expresión de proteínas proinflamatorias, contribuíndo así á progresión da enfermidade. «Temos demostrado que a inhibición de MAVS provoca unha melloría da inflamación xa que diminúe os niveis de dúas proteínas inflamatorias», explican. «Atopamos que este mecanismo é eficaz tanto en roedores como en células humanas de fígado, pero aínda queda moito ata saber se inhibir MAVS en persoas con MASLD pode ser unha terapia eficaz e segura», engaden as investigadoras, que advirten: «O que resulta obvio é que se precisa pór sobre a mesa diferentes opcións terapéuticas, porque ata agora non existe un tratamento para MASLD, e a incidencia desta enfermidade crece ano tras ano.

O estudo é froito do traballo das investigadoras Eva Nóvoa Deaño e Natália Lima do grupo Metabolismo Molecular do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), coordinado por Rubén Nogueiras Pozo e na que participaron equipos de investigación do CiMUS (Miguel López, Marta Varela-Rey e Carlos Diéguez) así como grupos do CIC bioGUNE (Bilbao) e das Universidades do País Vasco, de Ámsterdam, de Navarra, de Lille (Francia) e de Lübeck (Alemaña).

Foto portada: Grupo de investigación Molecular Metabolism do CiMUS, de esq a der: Alba Lopéz, José Iglesias, Cristina Iglesias, Uxía Fernández, Natalia Lima, Begoña Porteiro, Ruben Nogueiras, Valentina Dorta, Eva Nóvoa, Sara Martínez e Tamara Parracho

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario