O Plan estará vixente do 1 de xuño ata o 30 de setembro e a adhesión ten carácter voluntario para os concellos que teñan augas de baño censadas no Servizo Galego de Saúde
A Xunta actualizou o Plan de Protección Civil de Salvamento nas Praias de Galicia (Sapraga) no marco da xuntanza do seu comité asesor, presidida polo director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva. O obxectivo é garantir a cobertura das emerxencias nas zonas de baño, establecendo os procedementos de comunicación e coordinación cos servizos de emerxencias de Galicia (Platerga) no caso de emerxencias extraordinarias. Na actualización deste ano integráronse catro novas áreas de baño, situadas nos concellos de Boiro, Camariñas, A Coruña e Ferrol
Trátase da reunión previa ao comezo da campaña, prevista para o 1 de xuño, á que seguirá outro encontro de seguimento ao remate despois do 30 de setembro para avaliar o plan e dar conta das praias adheridas e as incidencias atendidas, así como a inclusión de melloras que redunden na seguridade da poboación.
Na xuntanza participaron tamén representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), 061, Cruz Vermella, voluntarios de agrupacións de Protección Civil, Gardacostas e responsables en medio ambiente e turismo, xa que estes departamentos xunto co saúde pública e os organismos anteriores forman parte do comité asesor.
O Sapraga actívase con carácter estacional durante a época estival e, tendo en conta o marco competencial en materia de praias, a adhesión ten carácter voluntario para os concellos que teñan augas de baño censadas no Servizo Galego de Saúde (Sergas). Poden adherirse cantas praias estean no censo, debendo contar con servizo de socorrismo e Plan de Prevención e Seguridade segundo se determina no Plan.
Plan sectorial preventivo e operativo
A través deste plan sectorial de carácter preventivo e operativo, atenderanse as emerxencias ordinarias no espazo das praias. En caso de emerxencia extraordinaria, a proposta do CIAE 112 Galicia, e previa valoración do risco pola Axega e o director xeral de Emerxencias e Interior, activarase o Platerga no nivel que corresponda, activando os grupos operativos que sexan necesarios e quedando nese momento integrado o Servizo Público de Prevención e Socorrismo da Praia no grupo de intervención do Platerga.
O Sapraga está dirixido polo director xeral de Emerxencias e Interior, coa misión de asegurar o bo funcionamento do plan, o seguimento e avaliación das actuacións, e garantir a integración no Platerga e o enlace cos plans de contaminación mariña e o de Salvamento Marítimo.