Os deputados populares analizaron a Conta Xeral de 2023 que deixa datos moi preocupantes como os mínimos investimentos en mantemento de estradas e para a apertura de residencias
O Capítulo VI, o referido a investimentos, contempla unha previsión de inversión de 34.527.688,38€ que na realidade quedou en 14.718.413,62€, o 43% do orzamento, o que supón que deixaron sen investir na provincia case 20M€.
Antonio Ameijide afirma que José Tomé, o PSOE e o BNG “non xestionan correctamente” os cartos da Deputación que “en lugar de supoñer unha mellora no día a día dos lucenses vemos que non se invisten adecuadamente en materias que se reclaman a diario como o arranxo das estradas provinciais ou a apertura das residencias comprometidas”.
O goberno provincial debe ter “máis esmero” nas súas contas xa que hai un desfase entre ingresos e gastos de 586.694,86€, xa que ingresaron 108.985.007,56€ pero gastaron 109.571.702,42€ algo que de momento pode manterse porque “tiran de remanentes de anos anteriores pero que non se pode soster no tempo porque non sempre vai a haber remanentes dos que botar man”.
No referente ao mantemento de estradas, PSOE e BNG so executaron o 77,94%: “que o goberno provincial non execute a totalidade do orzamento reservado para o mantemento e conservación dos máis de 4.300 quilómetros de estradas que ten é rirse dos lucenses vendo o mal estado que presentan e o perigosas que son”.
Segundo a memoria do orzamento ao analizar a partida de estradas vemos un orzamento de 10.6M€, dos que o 47,63%, polo que os 5M€ restantes demostran “o nulo compromiso” do goberno provincial por manter estas vías de comunicación en bo estado: “66 dos 67 concellos da provincia teñen as estradas nun estado moi deficiente mentres socialistas e nacionalistas destinan os cartos a convenios cos seus amiguetes, o que pon en risco a seguridade de todos os lucenses”.
No referente ás residencias, segundo a análise de actividades da memoria, destinaron 9.170.520€ (unicamente o 9,54% do orzamento provincial), unha cantidade na que a metade apórtana os usuarios, 3.8M€, e os concellos, 600.000€, polo que a achega da Deputación redúcese a 4.8M€: “Quéixanse de que gastan moito nas residencias, pero a realidade é que gastan máis do triplo en convenios con concellos amigos para mercar coches e pagar as festas, que nas residencias, un servizo fundamental”.
O investimento na construción de novas residencias e melloras das existentes “é mínimo” xa que dos 14.961.937,87€ previstos para este fin unicamente executaron 1.466.312€, o 9,8% do total, “o que evidencia a falta de vontade por solucionar os problemas de mantemento das residencias e por abrir os centros de atención a maiores comprometidos”.
O voceiro popular explica que na Conta Xeral de 2023 tamén se reflicte que unicamente se atenderon o 55% das peticións de solicitude de praza en residencias, mentres seguen pendentes as residencias de: Becerreá, Folgoso do Courel, Portomarín, Ferreira de Pantón, Guitiriz, A Pobra do Brollón, A Pontenova, Cervantes e Ourol.