Os socialistas da provincia da Coruña nomean a Alejandra Pérez Máquez como nova presidenta do Consello de Alcaldes e Alcaldesas

por Redacción A Coruña

Este órgano do PSdeG provincial celebrou a súa primeira reunión dende as municipais, na que o secretario xeral provincial Bernardo Fernández sinalou que «a Xunta ten que asumir de xeito inmediato aquilo que é da súa competencia, e non cargarllo aos concellos»

O Concello de Alcaldes e Alcaldesas Socialistas da Provincia da Coruña celebrou a súa primeira reunión dende as pasadas eleccións municipais. Nela foi escollida como nova presidenta Alejandra Pérez Máquez, alcaldesa de Bergondo.

O alcalde de Pontedeume e secretario xeral do PSdeG provincial, Bernardo Fernández Piñeiro, destacou que Pérez Máquez é «unha compañeira con experiencia contrastada, que leva no mundo municipal moitos anos e é unha fiel defensora do municipalismo».

A reunión de rexedores e rexedoras socialistas estivo centrada, en palabras de Fernández Piñeiro, en debatir as consecuencias de que os concellos «teñan que asumir moitas competencias impropias, a maior parte delas da Xunta de Galicia, sen que estas veñan acompañadas de recursos».

Fernández Piñeiro puxo como exemplo «o mantemento, conservación, limpeza e as conserxerías dos centros educativos, que non son da nosa competencia nin da nosa propiedade pero que temos que asumir e costear en exclusiva».

O socialista sinalou que «a Xunta ten que asumir de xeito inmediato aquilo que é da súa competencia, e non cargarllo aos concellos de toda Galicia”. Reclamou ao Goberno galego que “transfira os fondos necesarios para costear estes servizos na súa totalidade, sen que os concellos teñan que detraer fondos das arcas municipais para tal fin».

«Outra competencia impropia dende o punto de vista do seu financiamento é a do SAF, que esta xerando graves problemas económicos a moitos concellos», sinalou Fernández Piñeiro. Estes «teñen que asumir os custos derivados dun servizo que se incrementa de xeito considerable sen que se incrementen os recursos transferidos».

“A Xunta transfire 12,5 euros por hora cando se están adxudicando entre 19 e 25 euros, e isto está a facer que a situación económica derivada festa situación sexa insostible para moitos municipios”, destacou o socialista. Fernández engadiu que “non vale escudarse nos recursos que aporta o estado como fai Rueda, pois este ano, mentres o Estado ampliou a dotación económica que transferiu a Galicia, a Xunta reduciuna”.

O Consello de Alcaldes e Alcaldesas Socialistas debatiu esta situación en preparación da vindeira asemblea da FEMP, na que se elexirá un novo presidente deste organismo e onde «trasladaremos, entre outras, todas estas cuestións», apunta Fernández Piñeiro.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario