O Grupo Socialista leva ao Parlamento a «persecución ideolóxica» da dirección da CRTVG contra os traballadores e traballadoras do ente

por Redacción Galicia

A portavoz do Grupo Socialista na Comisión da CRTVG, Silvia Longueira, presentou hoxe unha pregunta para reclamarlle ao director xeral do ente que responda da persecución ideolóxica que están a sufrir os traballadores e traballadoras do ente que se atreven a cuestionar a falla de obxectividade e de pluralidade nos espazos informativos.

Advertiu que os traballadores e traballadoras están a ver día a día como son vulnerados os seus dereitos laborais, e son sometidos a “estrés e mala praxis laboral”, como están a evidenciar as numerosas sentenzas xudiciais en contra da dirección da CRTVG.

Sinalou os casos dun locutor da Radio Galega sancionado con nove días de suspensión por significarse nas redes sociais a favor do movemento Defende a Galega contra a manipulación informativa. O TSXG validou a sentenza xudicial que considerou que o xornalista, que xa acumula 17 sentenzas a favor, fora sometido a unha “verdadeira persecución ideolóxica”.

Lembrou que a CRTVG foi condenada a abonar 173.000 euros ao director de Enxeñería de Telecomunicacións, despedido logo de 35 anos, tamén tivo que asumir o despedimento improcedente dunha auxiliar de informativos que asinara 135 contratos en 15 anos, e tiveron que considerar fixo a un operador de vídeo que tivo que asinar 52 contratos temporais entre 2012 e 2016. Tamén recibiron unha sentenza en contra por impedir a conciliación laboral dunha redactora da compañía.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario