A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Defensa do Monte, vén de rematar unha acción formativa dirixida a brigadas de bombeiros forestais sobre o manexo de lume técnico no Centro Integral de Loita contra o Lume de Toén (CILL). Estes cursos son impartidos por persoal do Servizo de Prevención e defensa contra os Incendios Forestais (SPIF) e xa contan con varias edicións ás súas costas, centradas en cuestión como o manexo da auga, a arquitectura táctica dos lumes ou a seguridade nas operacións.
A formación, que comezou no mes de abril e rematou na última semana de maio, dividiuse en xornadas online enfocadas no manexo do lume técnico en todas as súas variantes e en sesións teórico-prácticas. Durante a parte teórica, analizáronse lumes de todas as partes do mundo, incluída Galicia, onde se buscan patróns comúns de comportamento e se estudan as fortalezas de actuación.
Nunha segunda fase centráronse na especialización en lumes de vento, afondando no factor humano e na mellora da capacidade de toma de decisións co fin de axeitar a resposta do SPIF ante situacións complexas, baseándose nunha axeitada lectura destas situacións.
A formación exterior levouse a cabo nas instalacións do CILL, que conta con importantes capacidades na súa contorna para a realización de prácticas operativas, onde se implementou un banco de area de grandes dimensións que recrea unha estrutura xeográfica complexa, na que os xeradores de aire replican unha dinámica de vento moi variada a diferentes alturas. Este tipo de ferramentas permiten unha interpretación visual moi clara das situacións. Realizouse tamén unha presentación sobre XeoCode Lite, a aplicación estratéxica, táctica e operativa desenvolvida para a xestión dos lumes.
O último dos escenarios estivo composto por unha pista americana enfocada á actividade dos bombeiros forestais, que ten como obxectivo afondar na resposta física do persoal do SPIF.