O Concello da Laracha acolleu unha nova reunión da mesa educativa e sanitaria contra a violencia de xénero

por 21 Noticias

A mesa de traballo sobre coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero nos sectores da sanidade e do ensino celebrou no Salón de Plenos unha nova reunión periódica. Estivo copresidida polo alcalde, José Manuel López Varela, e Ana Aldao, directora do Centro de Información ás Mulleres (CIM). Contou tamén coa presenza da concelleira de Igualdade, Rocío López, e de representantes dos Servizos Sociais municipais, dos catro centros de ensino do termo municipal, do centro de saúde da Laracha e da Garda Civil.

Unha das cuestións tratadas foi presentar propostas para o desenvolvemento de obradoiros de promoción das boas conductas entre o alumnado dos centros de ensino (IES Agra de Leborís e CEIPs Otero Pedrayo, Alfredo Brañas e Caión) no próximo curso escolar. Foi consensuado entre os membros da mesa que as temáticas a traballar xirarán en torno aos hábitos de vida saudables, a autoestima e a educación afectivo-sexual.

Tamén se aproveitou a reunión para que os representantes municipais solicitasen a colaboración do persoal do centro médico da Laracha de cara á organización das xornadas de promoción da saúde que o Concello ten previsto levar a cabo no mes de outubro trala excelente experiencia da primeira edición que se realizara o ano pasado.

Do mesmo xeito, púxose de manifesto a alta valoración por parte dos profesionais do centro médico da xornada formativa levada a cabo en abril co propósito de reforzar os protocolos de actuación ante a detección de posibles casos de violencia de xénero ou risco de exclusión social.

Neste sentido, na reunión tamén se realizou unha análise de casos concretos de mulleres en situación de vulnerabilidade para acadar unha coordinación interprofesional de maior eficacia.

O Concello agradece e valora a continua colaboración de todos os sectores profesionais implicados  nestas cuestión para beneficio xeral da cidadanía larachesa.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario