Serán espazos de acollida, apoio, orientación e derivación a disposición de vítimas de violencia de xénero, e tamén de información e sensibilización para a poboación en xeral
As concelleiras delegadas das áreas de Igualdade, Rocío López, e de Festas, Patricia Bello, acompañadas por persoal técnico do Centro de Información ás Mulleres e representantes de diferentes Comisións de Festas, presentaron hoxe o Punto Violeta que o Concello instalará durante as próximas semanas nos principais eventos festivos do termo municipal aos que se prevé unha maior afluencia de persoas, especialmente da mocidade. O primeiro lugar será esta mesma noite en Paiosaco con motivo da última xornada das Festas na honra ao Santísimo Sacramento.
Este Punto Violeta concíbense como espazos de acollida, apoio, orientación e derivación que estarán a disposición das persoas que puidesen sufrir ou que presenciaran calquera tipo de violencia sexista ou motivada por razón de xénero. Ao mesmo tempo, serán lugares de información e sensibilización para a poboación en xeral.
O Punto Violeta estará atendido en cada evento por dúas persoas con formación específica en igualdade e prevención da violencia de xénero. Mediante as consultas que os cidadáns desexen formular e o material divulgativo e de prevención que se ofrece na carpa, preténdese sensibilizar principalmente en temáticas relacionadas co rexeitamento da violencia de xénero, as relacións afectivo-sexuais positivas poñendo no centro das mesmas o consentimento e a práctica de xeito seguro.
A iniciativa enmárcase no programa A Laracha unida fronte as violencias machistas. É posta en marcha polo Concello co apoio do Ministerio de Igualdad a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, as Consellerías de Política Social e Igualdade e a de Sanidade da Xunta de Galicia e a Deputación Provincial da Coruña.