A viceportavoz do Grupo Socialista, Lara Méndez, anunciou hoxe que a sesión de control ao presidente da Xunta por parte do líder dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, no próximo Pleno do Parlamento estará centrada na xestión das infraestruturas polo goberno galego. Así o dixo logo da Xunta de Portavoces que fixou a orde do día da sesión plenaria que se celebrará a próxima semana.
O propio Gómez Besteiro centrarase na súa intervención en reclamarlle ao presidente da Xunta que explique as supostas xestións para garantir a mellora das condicións nas que a cidadanía emprega as autoestradas de Galicia.
A viceportavoz do Grupo Socialista explicou que o próximo Pleno incluirá ademais unha proposición non de Lei para “tender a man” en materia sanitaria, que “lonxe de mellorar, empeora” e que modifique o sistema de cómputo das listas de espera. O pleno incluirá tamén unha pregunta oral para reclamarlle á Xunta que dea conta do prazo previsto para o remate das obras do Materno Infantil no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.
En materia de educación, os socialista presentarán unha interpelación para reclamarlle ao goberno galego que amplíe os servizos complementarios educativos, así como unha pregunta para que explique os criterios que fundamentan a reforma do modelo de avaliación de Bacharelato para o acceso á Universidade en Galicia.
Tamén presentarán unha proposición non de Lei para reclamarlle á Xunta que apoie á actividade artística e creativa galega e unha pregunta oral sobre a política de loita contra os residuos mariños despregada dende o goberno galego.
Mentiras e enganos á cidadanía
En resposta a preguntas dos xornalistas, Lara Méndez esixiulle ao presidente da Xunta que “dea as explicacións oportunas e pertinentes” logo de que onte quedara constatado que “ou mentiron ou tiñan un descoñecemento brutal” sobre o proxecto de Altri para Palas de Rei. Méndez aludiu á intervención do responsable da empresa portuguesa, que onte asegurou que non variaron en nada o proxecto inicial, evidenciando que a Xunta “enganou aos galegos e galegas”.
Méndez advertiu que o goberno galego “mentiu en canto á ubicación, aos postos de traballo, o peso da pasteira no proxecto e o impacto medioambiental”. Agora compre que sexa o goberno galego quen explique “se realmente enganaron aos galegos e galegas utilizando o futuro de Galicia”.
A responsable socialista defendeu a “sensatez, rigorosidade e responsabilidade” dos socialistas galegos con respecto ao proxecto de Altri para “antepoñer os intereses de Galicia por riba de todo” no canto das posicións confrontadas do “si a calquera prezo” e do “non por riba de todo”. Criticou que o proxecto sexa utilizado como “instrumento electoral”.
Tamén criticou a decisión anunciada onte polo presidente da Xunta de continuar coa política de beneficios fiscais aos ricos, logo de coñecer unha nova redución no imposto de sucesións que fai caso omiso á alerta posta enriba da mesa polo Consello de Contas. O ente fiscalizador alertaba da perda de 2.000 millóns de ingresos propios polas decisións de Feijóo e Rueda de reducir os impostos de Patrimonio e de sucesións.
Méndez advertiu que esta política fiscal supón “favorecer a uns poucos” máis ricos “en detrimento de quen máis o necesita”, ademais da “incoherencia” que supón renunciar a inxentes ingresos por tributos propios mentres “protestan porque din que os fondos do Estado son insuficientes”.