O conxunto inclúe fotos da Sala Calvet, xermolo do equipo de fútbol coruñés, que celebra estes días o seu ascenso a segunda división
A Real Academia Galega acaba de subir á Rede preto de 700 documentos que compoñen o fondo da familia Calvet cadrando coa vindeira celebración do Día Internacional dos Arquivos. A colección abrangue documentos de temática diversa, desde os comezos do século XIX ata o segundo terzo do XX. O conxunto representa o modo de vida dunha familia acomodada da Coruña saída das novas profesións liberais, que terían unha importancia capital para o desenvolvemento da activade burguesa e mercantil da cidade naquela altura. O legado inclúe imaxes do ximnasio que un dos seus membros, Federico Fernández Calvet (1871-1933), fundou en 1902 na rúa Galera. Esta empresa converteríase en pouco tempo no xermolo do Dépor, o club de fútbol da cidade, que celebra estes días o ascenso á segunda división.
Desde o ano 2008, cada 9 de xuño conmemórase o Día Internacional dos Arquivos, unha data instaurada para contribuír a concienciar sobre a importancia de preservar o patrimonio documental custodiado nos arquivos, parte da memoria particular e colectiva, e facilitar o seu acceso á comunidade investigadora e á cidadanía en xeral. Nesta ocasión o arquivo da Real Academia celebra a efeméride compartindo en Galiciana-Arquivo Dixital de Galicia o conxunto do fondo da familia Calvet, co que se fixo tras varias compras. O seu estado de conservación dificultou o proceso de dixitalización dos seus 693 documentos, repartidos en tres unidades de instalación.
Do matrimonio de Ramón Fernández e Francisca María Calvet Bello naceron Teresa, Doroteo e Federico. De Teresa poucos datos se conservan, mentres que os dous varóns son os membros da familia que xeraron a maior parte da documentación custodiada no arquivo da RAG. Doroteo emigrou a Montevideo, onde traballou como redactor do xornal La Nación, e mantivo correspondencia coa familia na Coruña da que quedou rexistro neste fondo. Federico foi perito mercantil e chegaría a ocupar a presidencia do Colexio de Peritos Mercantís na Coruña, pero acadou fama e gloria futura pola fundación dunha sala de esgrima e ximnasio na rúa da Galera. Este tipo de instalacións, de ampla vixencia en Europa dende finais do século XIX, constituíu unha novidade na maior parte das vilas xa que, baixo o amparo das teses hixienistas froito do liberalismo, provocou unha maior atención á saúde e ao deporte.
O ximnasio de Federico Fernández Calvet chegou a acadar moita popularidade na cidade e propiciou o xurdimento do seu propio equipo de fútbol, o Club Deportivo da Sala Calvet, que no ano 1911 tomaría o nome de Real Club Deportivo de La Coruña e adoptaría a conspicua camisola branquiazul. No fondo familiar consérvanse dúas fotos nas que aparece Federico. Nunha delas posa acompañado dos demais membros do grupo de tiradores de esgrima, vestidos co uniforme e con sabres, espadas e floretes, e mais o seu fillo. A outra é un retrato realizado por Sellier, pioneiro da fotografía en Galicia, que ilustra a substitución do Entroido popular polos «bailes de trajes» que adoptaron naquela altura as clases adiñeiradas. A instantánea realizouse durante o Carnaval da Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos de 1895. Para a ocasión, o protagonista disfrazouse de etíope, como indica no reverso da fotografía, deixando constancia da fascinación que suscitaba o continente africano no solpor da era dos grandes achados, quer cartográficos, quer etnográficos. A pesar da súa sona, Federico Fernández Calvet tivo un final tráxico. O 5 de setembro de 1933, vítima dunha dolorosa doenza que estaba a minguar a súa saúde, acabou coa súa vida dun disparo.
O seu fillo Federico Fernández Sar, tamén perito mercantil e prócer herculino, foi socio fundador do Deportivo, presidente da Federación Galega de Fútbol, vicepresidente da xunta de obras do porto coruñés, profesor da escola de comercio e de náutica e conselleiro de Arbupes SL (distribuidora de gas butano a día de hoxe), Seguros Galicia e Frigoríficos do Noroeste. Todos estes últimos cargos deixan a súa pegada no seu arquivo particular, parte do fondo da familia Calvet, que conta ademais cunha frondosa documentación patrimonial desta liñaxe: xenealoxía e heráldica, xustificantes da propiedade e administración da mesma etc. Un conxunto de documentos que, en definitiva, achegan a cotiandade dunha familia da burguesía podente.
Federico Fernández Calvet finou o 19 de xaneiro de 1965 e foi enterrado no cemiterio de Santo Amaro. Ao seu enterro asistiron numerosos persoeiros da cidade, entre eles o alcalde Eduardo Sanjurjo de Carricarte, dando conta da notoriedade del e da súa familia na construción da historia local.