Alcanzan xa a novena edición, sumando 2 millóns de euros de investimento autonómico e arredor de 450 traballadores e traballadoras incorporadas ao sector da hostalería
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou hoxe as elevadas taxas de inserción laboral que acadan os Programas Integrados de Emprego que promove a Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería de Lugo (APEHL) e financia a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
A entidade está a desenvolver a novena edición desta iniciativa, á que se destinan 220.000 euros. Con este orzamento, supéranse os 2 millóns de euros de investimento autonómico na proposta, con máis de 450 traballadores e traballadoras incorporadas ao sector.
Arias participou na charla coloquio na que usuarios do programa puideron coñecer a traxectoria e os puntos de vista dos empresarios lucenses Alejandro Méndez, do restaurante Os Cachivaches, e Alberto García, de Eventos Mesón de Alberto.
O delegado afirmou que o carácter práctico das actividades contribúe a formar os profesionais cualificados que demanda o tecido empresarial e explica que máis do 50% dos participantes obteñan un posto de traballo ao rematar.
O programa ofrece 100 prazas e organízase en distintas propostas ao longo dun ano que se levan a cabo en Lugo e Monforte de Lemos. Está dirixido principalmente a mozos e mozas de menos de 30 anos, e tamén reserva prazas para persoas inmigrantes, en situación de discapacidade ou maiores de 45 anos, entre outros colectivos.
Algunhas das accións que se propoñen son específicas para o emprego, como coñecementos de inglés para atención ao cliente, labores de camareiros e camareiras de piso, manipulador de alimentos e axudante de restaurante, bar ou cociña. Outras proporcionan habilidades transversais, como ferramentas para a busca de emprego, para traballar na marca persoal ou facilitar a mobilidade laboral.