O investigador do CICA asumirá cuestións como a mobilidade ou a xestión dos residuos e da auga no campus
Armand Hernández, investigador Ramón y Cajal do CICA (Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía da Universidade da Coruña) acepta o reto de liderar a Oficina de Sustentabilidade (OdS) da UDC cun obxectivo claro: empregar a investigación que se fai na propia Universidade como unha ferramenta para mellorar en termos económicos, de sustentabilidade e de calidade de vida.
“O cambio climático interésame, preocúpame e ocúpame”, expón Hernández, quen no CICA estuda o pasado para entender o presente e o futuro. Para chegar a ese pasado, “que pode ser desde os derradeiros dous mil anos ata fai dous millóns de anos”, o paleoclimatólogo e membro do Grupo de Investigación en Cambio Ambiental (GRICA) segue a pista dos sedimentos que se atopan nos lagos, os cales almacenan cambios ambientais e climáticos.
A Oficina de Sustentabilidade (antiga OMA) procura a mellora de calquera actividade feita por e desde a Universidade para que sexa o máis sostible posible, mais o termo sostible é moi amplo. Para Armand Hernández, “trátase dunha serie de compromisos que temos que adoptar de cara a asegurar que a pegada que deixamos ten o menor impacto posible no planeta. Que contaminemos o mínimo e que o consumo enerxético sexa o mínimo é vital nun mundo limitado, e co contexto actual non podemos facer todo de calquera maneira: a Universidade ten que ser un exemplo para a sociedade”. Por iso, desde a Oficina procúranse melloras en eidos como a mobilidade e o transporte, o consumo enerxético dos distintos edificios pertencentes á Universidade, o aluguer de bicicletas ou a xestión dos residuos, das hortas e da auga dos distintos campus.
A Oficina tamén asesora aos centros para que implanten medidas que lles permitan obter o cualificativo Green Campus, un selo semellante ao das bandeiras azuis das praias. Sobre o selo, Hernández explica que “un dos requisitos para conseguir a bandeira verde é que nos currículums dos graos, másters e outras formacións da Universidade haxa unha parte dedicada á educación ambiental e á sustentabilidade”.
Como novo director da OdS, Hernández quere involucrar máis á comunidade universitaria: “Isto quere dicir que se procuramos mellorar a mobilidade e o transporte imos petar na porta dalgún grupo de investigación da Universidade que se dedique a esta cuestión e basear esas melloras nos datos que academos”. De feito, a Oficina xa está a colaborar coa Unidade de Análise e Xestión de Datos para mesturar cal é a situación da Universidade en materia de sustentabilidade e darlle continuidade ao que verdadeiramente funciona. “Queremos que a xente vexa que este tipo de iniciativas teñen un impacto real e son útiles”, comenta o investigador. Na actualidade, segundo Hernández, esta mensaxe non está calando no estudantado, o cal non está tan involucrado nestas materias. “Seguramente non estamos ofrecendo algo que interese verdadeiramente, e iso hai que cambialo”. Sobre ter en conta os enfoques doutras disciplinas ou ramas do coñecemento como a Socioloxía ou o Dereito, o científico do CICA é claro. “É imprescindible. Non se entende falar de cambio climático sen falar desde as ciencias sociais. A nosa situación na Oficina é humilde, máis tentamos contar sempre co apoio externo de quen nos poida achegar unha nova ollada”.
Na procura da circularidade
Polo de agora, o equipo da OdS está impulsando un grupo de traballo de mobilidade dando cumprimento ao programa electoral do actual equipo de goberno. A iniciativa xurdiu da Vicerreitoría de Infraestruturas e Sustentabilidade, de onde depende a Oficina. A idea é obter datos dos desprazamentos para ir ata a Universidade e estudar as posibilidades dunha mellora que tería implicacións de tempo, de cartos e de calidade de vida. Doutra banda, o equipo da OdS tamén está facendo esforzos na optimización da xestión da auga. Así, a OdS está impulsando outro grupo de traballo, neste caso, de aproveitamento da auga dos campus para unha xestión máis eficiente deste recurso. A nivel de educación ambiental e de xestión de residuos, o novo director da OdS non dubida á hora de subliñar que a UDC está a facer un gran traballo: “Temos composteiros de calidade, que utilizamos nas hortas propias do Campus dun xeito completamente circular”. O investigador do CICA ten agora seis anos para poñer en práctica o sinalado, na procura dun campus responsable e consciente do deterioro da nosa contorna e que involucre a estudantado, persoal investigador e órganos con poder de decisión.