Takekazu Asaka, embaixador da cultura galega no Xapón, verteu tamén ao seu idioma materno obras de Rosalía ou Uxío Novoneyra, impartiu clases de lingua e literatura galegas no seu país, publicou libros pioneiros para a aprendizaxe do galego dende o seu idioma materno e promove a celebración do Día das Letras Galegas na contorna de Tokyo
Cambados a vila de Ramón Cabanillas, un dos clásicos das letras galegas que verteu á súa lingua materna, acollerá este sábado a sesión extraordinaria e pública da Real Academia Galega na que Takekazu Asaka (Tokyo, 1952) será recibido como membro e honra da institución. O filólogo nipón pronunciará no Auditorio da Xuventude (12:00 horas) o discurso titulado Do poñente ó nacente. Unha ollada desde Xapón á lingua e á cultura galegas. Daralle resposta no nome da RAG o académico de número cambadés Francisco Fernández Rei. A sesión, de entrada libre ata completar a capacidade da sala, poderá seguirse tamén en directo dende academia.gal e a canle de Youtube da institución.
A celebración completarase cun recital poético a cargo da soprano Miho Haga e a pianista Kazumi Ogura, que interpretarán poemas de Ramón Cabanillas e Celso Emilio vertidos ao xaponés polo profesor. A cantante é a voz do ciclo de música e poesía galega que Takekazu Asaka organiza no Xapón dende hai case vinte anos.
Membro correspondente da RAG dende 2017, Takekazu Asaka leva máis de tres décadas estudando o galego e a súa literatura, e contribuíndo ao seu coñecemento no seu país. Doutor en Filoloxía Románica pola Universidade de Kansa Gaidai (Osaka), Takekazu Asaka foi profesor de castelán na Universidade Tsudajuku de Tokyo dende 1987 ata a súa xubilación en 2022 e impartiu clases de lingua, gramática e literatura galegas entre 2005 e 2022 en varias universidades xaponesas e mais no Instituto Cervantes de Tokyo.
Manuais pioneiros do ensino do galego para xaponeses
As súas primeiras achegas para a aprendizaxe do galego dende o xaponés remóntanse á primeira metade dos anos 90, cando publicou a Gramática do galego moderno (1993), a primeira escrita para o público nipón, actualizada na Nova gramática galega (2016). É tamén autor da Guía de conversación en galego (1994), igualmente a primeira para falantes xaponeses, e o Vocabulario básico da lingua galega (1996), onde cada termo se acompaña da equivalencia en castelán e xaponés. Como lingüista, logo de diversos traballos gramaticais e léxicos, estudou ademais a situación do galego en Galicia e no Eo-Navia.
No campo da tradución, verteu ao seu idioma materno os seis poemas galegos de Lorca (1993), Cantares gallegos (2009) e Follas novas (2018) de Rosalía de Castro ou Os eidos de Uxío Novoneyra (2917). En 2013 editou a Cantata a Ramón Cabanillas, volume no que ofrece un estudo sobre a vida e a obra do vate cambadés e unha escolma poética galego-xaponesa, e posteriormente traduciu o seu poemario A rosa de cen follas (2019). Tamén lle prestou atención á lírica galega medieval con títulos como Xograr Martín Codax (2015) ou Convite para as Cantigas de Santa María (2023). Neste 2024 acaba de traducir á súa lingua materna os haikus recollidos no libro de Esperanza Mariño A pousa da libélula. Kagueroo no yasuragui.
Alén do eido literario e lingüístico, Takekazu Asaka é autor d’Os 50 capítulos para coñecer Galicia (2010), unha guía en xaponés sobre a situación sociocultural galega; e dende o ano 2008 organiza en Tokyo e as cidades próximas, co gallo do Día das Letras Galegas, un ciclo de música e poesía galega con actuacións de artistas locais e conferencias que el mesmo imparte sobre a cultura de noso. Colaborou así mesmo coa Radio Galega entre 1989 e 1995 abordando a vida cotiá do Xapón e as diferenzas entre os dous países.
As contribucións do profesor Asaka á proxección exterior da cultura galega foron recoñecidas co XVI Premio Ramón Cabanillas, a Folla de Ouro do Albariño 2019 e o seu nomeamento como Ilustre Cabaleiro da Orde da Vieira.
A Real Academia Galega organiza a recepción de Takekazu Asaka como membro de honra coa colaboración da Deputación de Pontevedra e a Concellería de Ensino, Cultura e Patrimonio do Concello de Cambados.