Hércules presenta “Somos un pestanexo radiante na terra”, a novela de Ocean Vuong sobre identidade e supervivencia

por Redacción Nacional

Unha carta dun fillo á súa nai que explora a identidade, a raza e a sexualidade. Unha narrativa conmovedora e honesta sobre a vida entre mundos dispares

Hércules de Ediciones vén de publicar o seu novo lanzamento, «Somos un pestanexo radiante na Terra», unha novela que promete conmover e facer reflexionar aos lectores coa súa narrativa íntima e poderosa. A tradución, realizada por Antía Veres, é unha obra magnífica que captura á perfección a esencia e a beleza orixinais do texto.

«Somos un pestanexo radiante na Terra» narra a historia dun fillo que lle escribe unha longa carta á súa nai, que non sabe ler. Esta carta é en realidade un exame de conciencia, un repaso aos elementos clave que conformaron a súa identidade como fillo dunha familia de vietnamitas que fuxiu do seu país rumbo aos Estados Unidos, e como mozo que descobre e asume a súa homosexualidade. A novela é ao mesmo tempo un testemuño do amor tenso pero innegable entre unha nai solteira e o seu fillo, e unha exploración brutalmente honesta da raza, a clase, a sexualidade e a masculinidade.

«Trátase dunha novela escrita por Ocean Vuong, un autor recoñecido internacionalmente. Nado en Ho Chi Minh (antes Saigón) en 1988, emigrou aos Estados Unidos coa súa familia en 1990, tras pasar un ano nun campo de persoas refuxiadas en Filipinas. Vuong, galardoado con premios tan prestixiosos como o Whiting, Forward e T. S. Eliot polo seu poemario «Night Sky with Exit Wounds», debuta agora como novelista con esta obra. Ademais, os seus textos foron publicados en medios de gran renome como The Atlantic, Harper’s, The Nation, New Republic, The New Yorker e The New York Times, e actualmente é profesor no Amherst College de Massachusetts.

A obra destaca polo seu poder para contar a propia historia e polo silencio devastador de non ser escoitado. Con asombrosa urxencia e elegancia, Ocean Vuong escribe sobre persoas atrapadas entre mundos dispares e pregunta como podemos sandarnos e rescatarnos entre nós sen abandonar quen somos. A cuestión de como sobrevivir e como facer diso unha especie de alegría impulsa a novela debut máis importante en moitos anos.

Con 240 páxinas e unha edición coidada en rústica con solapas, «Somos un pestanexo radiante na Terra» está dispoñible en galego e forma parte da colección «Sen fronteiras». 

Segundo Ron Charles de The Washington Post, esta é «unha obra lírica de autodescubrimento que é sorprendentemente íntima e insistentemente universal. Máis ca un pestanexo radiante, é permanentemente cegadora».

«Somos un pestanexo radiante na Terra» estará dispoñible en todas as librarías galegas e plataformas de venda online. Os interesados tamén poden adquirir o libro directamente a través da web oficial de Hércules de Ediciones.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario