A ANPA da GÁNDARA, conta con 100 familias asociadas, entre os seus fins son os seguintes:
- Asistir aos pais, nais e aos/ás titores/as en todo o que afecte á educación dos seus fillos e fillas.
- Requirir aos poderes públicos o cumprimento das leis, regulamentos e plans de actuación relativos á educación, reclamando a actuación que esta merece
Hai uns días, a ANPA da Gándara de Monforte de Lemos, emitía o seguinte comunicado:
«Durante este curso 2023-2024 diverso alumnado de primaria foi privado do seu dereito á asistencia de apoio en Audición e Linguaxe, así como unha redución de apoios de Pedagoxía Terapéutica, de xeito unilateral e sen notificarlles tal circunstancia aos pais e nais dos nenos e nenas afectados/as.
A isto hai que engadir que, debido a graves problemas do centro en canto a xestión e organización dos recursos, estes apoios non son estables xa que cambian practicamente tódalas semanas (número e distribución das horas e persoal asignado) o que supón un gran desaxuste tanto para os/as alumnos/as como para os/as especialistas. Para os/as primeiros/as, porque son nenos/as que precisan dunha rutina, manifesta tanto nos informes do Equipo de Orientación Específica Provincial, como na propia lexislación.
A carencia dos apoios educativos estalles a ocasionar: condutas disruptivas, inseguridades, desaxustes emocionais, baixada do rendemento académico; algúns/algunhas nenos e nenas non dan alcanzado os obxectivos do curso… Tamén a mala organización dos poucos recursos de apoio educativo non lles permite avaliar a fondo as necesidades de cada alumno/a e polo tanto tampouco programar correctamente a súa intervención, xa que en moitos casos os horarios de dedicación cambian dun día para outro e de xeito unilateral.
Tamén cabe mencionar que as familias destes/as nenos e nenas non están sendo informadas nin dos apoios asignados ós/ás seus/súas fillos/as, nin de cantos destes se están facendo efectivos, nin dos cambios semanais que se están a producir. Notar que segundo a lexislación vixente débese notificar tal circunstancia aos titores e titoras legais. Esta problemática estase a traducir nunha total incerteza en toda a comunidade educativa polo que algunhas familias están buscando alternativas de calidade para educación dos/as seus/súas fillos/as.
Derivada desta situación, foi presentado un escrito de reclamación ante a Consellería de Educación coa sinatura de familias afectadas de xeito directo, indirecto e de tódolos/as mestres/as e especialistas do primeiro ciclo de primaria no que se solicitaba, entre outros puntos:
- Que se esixira ó centro a correcta xestión e reparto dos recursos de tal xeito que chegue a todo o alumnado en atención ás súas necesidades.
- Que se respectaran as funcións dos/as especialistas e demais profesionais no ámbito das necesidades especificas de aprendizaxe acorde á lexislación vixente.
- Que se lle garantira ós/ás cativos/as unha estabilidade baseada en figuras de referencia de acordo cos obxectivos, fins e principios do sistema educativo (LOMLOE).
A situación en lugar de mellorar está a empeorar considerablemente:
- As familias seguen sen ser informadas por escrito dos apoios que reciben os/as seus/súas fillos/as.
- A data actual, o centro vai polo/a sexto/a orientador/a tamén de baixa, algo totalmente inédito, sen que a Consellería dea unha resposta a tal circunstancia, sendo o CEIP A Gándara un colexio cunha alta porcentaxe de alumnado con necesidades de apoio educativo no Concello de Monforte de Lemos. O departamento de orientación está totalmente paralizado e dende a dirección do centro non se dá resposta a non realizar as valoración e informes obrigatorios para a asignación de recursos de apoio ó centro que lles permitan a estes/as nenos/as recibir a atención que tanto precisan».
Tralo comunicado da directiva, a semana tivo unha alta temperatura no centro educativo e na contorna con varias visitas do persoal de Inspección Educativa, que nun primeiro momento, manteñen o apoio á dirección, malia que xa se sabe que cando toque deixar vendido a alguén, non se dará maior problema.
Diferentes persoas de Monforte de Lemos, puxéronse en contacto con este medio para que publicáramos a información nova, que xira en varias liñas. O Claustro, enviou un escrito cunha importante enumeración de puntos coa finalidade de poder apartar ao equipo directivo das súas funcións, aínda que semella que parte da situación é un foco de presión para xerar a dimisión da actual directora.
Segundo diferentes fontes que manexa 21noticias, a inquedanza e preocupación na ANPA , que conta con máis duns cento de socios e doutras familias non asociadas, que están preocupadas vertebra dende aspectos académicos, a outros disciplinarios en un clima turbio no centro que complica a situación, dito iso cunha parte na que uns dos líderes da guerra interna, asesorado por membros da comunidade educativa doutro centro, puidera estar en procura da dirección.
Dende o martes, as chamadas e encontros foron moitos, incluíndo aos partidos políticos de Monforte, cun José Tomé que nun primeiro momento ponse de perfil e tamén coa intervención dos outros voceiros locais. O profesorado reuniuse e ademais dalgúns pasos difusos, polo de agora non hai certezas, a maiores dalgúns movementos dende a Xefatura Territorial en Lugo, que causaron certo estupor, xa que se lle transmitiu previamente información, con xuntanzas incluídas a membros da política municipal de Monforte, causando un importante malestar entre os Inspectores de Educación. Noutras palabras, houbo información e parte do procedemento a seguir, que non o fixo polos cauces axeitados, xerando controversias importantes.
Na comunidade educativa da Gándara, causa sorpresa que ata a data de hoxe, máis de 30 escritos non teñan contestación algunha, nin por parte de Inspección, nin de Xefatura Territorial, cunha clara indefensión dos supostos dereitos dos traballadores públicos. Unha serie de incidencias, no curso poden traer consigo algunhas alianzas noutros casos difíciles de entender.
Ante o enquistamento da situación, todo fai indicar, que quedarán novos capítulos e que alguén, terá que asumir as responsabilidades, ademais nuns momentos de máxima tensión política ante os posibles cambios políticos nas Consellerías, como a de Educación. Este escenario, ademais doutros, pode levar a unha esixencia de responsabilidades, aos máximos responsables educativos na provincia de Lugo.