A presión e abusos que está a someter o Goberno da Deputación de Lugo aos bombeiros e bombeiras comarcais é máxima

por Redacción Lugo

Despois de valorar a nota de prensa do pasado sábado por parte da Deputación de Lugo relacionada co parón do servizo de toda a Mariña ao pechar o Parque Comarcal de Barreiros, un dos que máis intervencións rexistra de toda a provincia, alegando que os traballadores faltaron ao seu posto de traballo sen xustificar a súa ausencia, vémonos na obriga de expoñer a nosa versión dos feitos.

En primeiro lugar, e unha vez máis, queremos facer fincapé que co simple feito de non facer horas extra de carácter voluntario, o servizo non se da cuberto e non se pode garantir o funcionamento do mesmo.

Dito isto, expoñemos os feitos, querendo deixar constancia de que o peche do Parque de Bombeiros da Mariña o pasado sábado foi responsabilidade unicamente do Consorcio Provincial de Lugo e decisión solidaria do presidente Tomé Roca que é quen rexe o seu “funcionamento”.

O Parque de Bombeiros da Mariña permaneceu pechado as 24 horas deste sábado polo déficit de persoal no Consorcio, por non garantirse a asistencia dos servizos mínimos establecidos (3 bombeiros), polas seguintes circunstancias:

  • Un Bombeiro estaba de permiso de paternidade, solicitado en tempo e forma cun mes de antelación.
  • O segundo efectivo atópase en situación de incapacidade temporal de longa duración.
  • O terceiro efectivo tiña solicitado dende o mércores 20 de setembro un permiso por coidado de familiar cunha intervención cirúrxica de carácter grave.

As tres casuísticas, estaban sen cubrir polo Consorcio, polo que o peche non é culpa da parte traballadora, se non que se deu pola mala xestión de non cubrir as quendas de traballo e pola negativa de negociación por parte da institución. Cúlpannos a nós, aos bombeiros, do parón do servizo pero, esquécense do que realmente é importante para o servizo e para o cidadán, garantir a súa seguridade e o bo funcionamento do mesmo. Agora pasaron a un segundo plano o arranxo das instalacións que están caendo a anacos, a reparación dos camións, que botan máis tempo avariados ca de servizo, renovación e dotación de equipación, cubrir as quendas de traballo da forma axeitada… para botar terra enriba do tellado do traballador e mentir da maneira que o fixeron.

Asemade queremos recalcar que tanto o xefe de parque en funcións como a xerencia do consorcio non esgotaron as medidas legais para evitar o peche do parque, senón que preferiron sacar unha nota de prensa na nosa contra, antes de facer o seu traballo e garantir a seguridade da Comarca da Mariña.

A finalidade desa nota de prensa sabémola todos, non salpicar aos altos cargos do ente provincial e difundir información falsa para que a cidadanía se poña en contra dos Bombeiros. Non imos permitir que poñan a opinión pública na nosa contra con falsas noticias e cargando enriba dos traballadores que teñen mais que demostrada a súa valía como fai un ano, cando pasaron máis de 48 horas seguidas de traballo nos lumes do Caurel en primeira liña de defensa, sen poder contar con apoio para dar relevos pola falta de persoal.

Igualmente, queremos dar a coñecer á cidadanía as inxustizas e abuso de poder ao que estamos sometidos pola situación que estamos a vivir e a negativa a negociar para acadar unha solución. O pasado venres, seis compañeiros do Parque Comarcal de Viveiro, foron notificados dunha apertura de expediente disciplinario motivado polo abandono do seu posto de traballo ao non estender a súa xornada aumentándoa con horas extraordinarias. Unha situación surrealista, posto que a realización de horas extras é algo totalmente voluntario, e non se lle notificara aos traballadores por parte dos seus superiores de que era necesario prolongar a quenda mais aló das 24 horas que xa realizaran.

Os traballadores cumpriron a súa quenda estipulada no calendario laboral e unha vez rematada, coma de costume, voltaron para o seu fogar.

Comprobamos por tanto que ante o feito de non realizar horas extraordinarias, que son voluntarias para os traballadores, a Administración decide condicionar os dereitos dos bombeiros coa apertura de expedientes disciplinarios.

A presión e abusos que está a someter o ente provincial aos bombeiros e bombeiras comarcais é máxima, de feito, fixo que os cinco sindicatos representativos nos Consorcio interpuxeran de maneira conxunta unha demanda contra a institución pola vulneración do dereito fundamental á folga.

Estes feitos tensan aínda máis as relacións co Consorcio, mais con todo queremos que os veciños e veciñas da Mariña saiban que todos e cada un dos integrantes do Parque de Bombeiros de Barreiros e do resto de Parques de Bombeiros Comarcais de Galicia compartimos a preocupación de garantir por enriba de todo a seguridade da poboación á que nos debemos.

Comparte éste artículo
1 Comment