Tal e como aconteceu no 2022, a Ruta do Lacón repartirá este domingo as camisolas do Campionato de Galicia de Cross Country Maratón (XCM). O desafío con saída e meta na localidade pontevedresa de Cuntis reunirá a 164 bikers. As 9:00 horas é a hora fixada para a posta en marcha dun percorrido de 64,7 quilómetros.
Aínda que nun primeiro momento o Campionato de Galicia desta especialidade ía celebrarse este domingo en Ames, a coincidencia coas Eleccións Europeas impediu que se puidera disputar nese municipio da comarca de Santiago. Ante ese contratempo, o Club de Montaña Xesteiras ofreceu a undécima edición da Ruta do Lacón como alternativa e, deste xeito, permitir que a gran cita do XCM autonómico se mantivera nunha data clave do calendario porque dentro de quince días, o 23 de xuño, a Lalín Bike Race acollerá o Campionato de España.
A experiencia da entidade de Cuntis como organizadora, tendo ademais exercido de anfitrioa do Campionato de Galicia de Maratón hai dous anos, permitiu sacar adiante esta proba en tempo récord. O CDM Xesteiras preparou un itinerario “polos lugares máis senlleiros” do seu concello. As corredoras e os corredores atoparanse castros, ríos e regatos, fervenzas, antigas fábricas de luz, bosque autóctono, trialeiras… todo isto nun trazado no que destacan tres ascensións: Monte Xesteiras (km 13), Castro Arcos (km 36) e Castro Serbil (km 53).
A presentación deste evento tivo lugar na Praza da Constitución de Cuntis, punto de partida e de chegada do percorrido, coa presenza de María Isabel Couselo Torres, deputada provincial de Infraestruturas, Mobilidade e Contratación; Tono Abal, presidente do CDM Xesteiras; e Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego.
A entrega de premios está prevista para as 13:30 horas. Nesa cerimonia de podio actualizarase a lista de gañadoras e gañadores do Campionato de Galicia que a pasada temporada tivo como raíñas e reis na vila ourensá de Piñor a Alejandro García nos juniors, Carla Fernández e Diego Marnotes en sub-23, Eva Ortega e Brandán Márquez en elites, Daniel García nos máster-30, Natalia Raña e Diego Rey en máster-40, Antonio Rodríguez nos máster-50 e Carlos Gómez nos máster-60.