A Irmandiña. Por @DulceCorcu

por Dulce Corcu

Desde 2005 que volvía a Selección Galega tras unha longa noite de pedra que duraba setenta e cinco anos, tan só seis partidos foron desputados polo noso combinado nacional, os catro primeiros consecutivos en tempos do bipartito na Xunta, e os dous restantes con oito anos de distancia e abandono entre si. Porque facer patria e país a través dunha selección propia non é algo que se priorice en San Caetano, máis mergullados no espírito español que no Fogar de Breogán. Esa desafección gubernamental impide manter o fervor que se vivira, especialmente, naquel Galicia – Uruguai en Compostela que nos devolvía unhas cores tanto tempo soterradas polos escuros e ignorantes aos que alude Pondal no noso himno. 

Un himno, desta volta en Balaídos, interpretado polas Tanxugueiras, pero sen a emoción dun estadio enteiro cantando coma noutras ocasións. Que tampouco é que haxa tanta xente que saiba a letra, pero en Riazor por exemplo, tiveron a deferencia de poñela nas pantallas para que ninguén se limitase únicamente a berrar a frase final que interpela ao rei Breogán. Mentres, sobre o céspede, ningún xogador canta. Ensimismados sen saber onde mirar, e iso este ano que formaron, porque houbo outros onde trotaban polo campo ao tempo que o público botaba o corazón pola boca. Son cousas impensables cando xoga España, onde todos miran solemnes e tesos ao ceo, case agardando que se abra para bendecilos nesa misión heroica de defender a roxigualda. Sen continuidade, sempre será difícil engaiolar á xente, conseguir que se sintan orgullosos e parte desa Irmandiña que non sabemos cando volverá. Ou peor, se volverá.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario