A Tenencia de Alcaldía do Concello de Lugo reafirma a súa postura de «colaboración e flexibilidade» coas comisións de festas dos distintos barrios ante a organización de festas e eventos, tal e como se está a facer en todas. Ante o comunicado emitido polo Partido Popular na xornada de hoxe, desde a Tenencia de Alcaldía considéranse unhas declaracións totalmente irresponsables, e que van en contra de acadar eventos nos que se garantide a total seguridade das persoas usuarias das atraccións, especialmente nenas e nenos. «Un grupo municipal serio non pode falar neses termos, porque semella que ao PP lle dá igual que poida haber un accidente nunha atracción e prioriza a súa instalación sobre a seguridade»- Lémbrase que as festas teñen que cumprir coa Lei de Espectáculos Públicos de Galiza, para o que o Concello precisa que se entregue a documentación en prazo antes do inicio das actividades.
Cronoloxia dos feitos
O día 24 de maio, a Tenencia de Alcaldía enviou un requerimento á asociación organizadora solicitando a documentación necesaria para a autorización dos distintos postos e barracas. Este requerimento foi lido o día 27 de maio, e parte da documentación – que non estaba presente na memoria inicial – foi rexistrada no Concello o día 29 de maio. A asociación organizadora entrega nova documentación entre o 31 de maio e o 3 de xuño, a través do rexistro municipal. O día 4 de xuño, asínase o Decreto de Autorización para os 9 postos que presentaron a documentación, tras un importante esforzo do persoal técnico municipal para revisar e informar toda a documentación presentada pola Asociación organizadora. Tras a sinatura do decreto do 9 de xuño, preséntase a documentación de outras barracas, estando a menos de 24 horas da montaxe, o que fixo imposible a execución do traballo do persoal municipal por falta de tempo.
Desde a Tenencia de Alcaldía, sendo conscientes da complexidade que require a organización deste tipo de actividades, dase a maior flexibilidade ás comisións organizadoras para entregar a documentación, acurtando os prazos ao máximo sempre que na data de presentación os servizos técnicos do Concello poidan aínda realizar os trámites necesarios para garantir a seguridade e o bo desenvolvemento das festas. Tamén se lles dá asesoramento cando o precisan, mais o que non vai permitir o Concello de Lugo é deixar instalar atracción sen a súa correcta revisión das documentacións por seren entragadas sen posibilidade de facelo.