O programa, que inclúe formación teórica e sesións prácticas, divídese en tres xornadas que se desenvolven no Salón de Actos do Pazo de San Marcos ata este mércores
O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández Méndez, inaugurou este luns no Salón de Actos do Pazo de San Marcos de Lugo o Curso de Verán III Prevención de risco cardiovascular que organiza a Universidade de Santiago de Compostela xunto á Escola de Enfermería. Esta acción formativa, na que participan máis de 60 estudantes, divídese en tres sesións que se desenvolven na institución provincial dende hoxe ata este mércores. Neste acto de apertura tamén participaron o xefe do Servizo de Cardioloxía do HULA, Juan Carlos González Juanatey, o xefe do Servizo de Endocrinoloxía do HULA, José Ignacio Vilar Pardo, e a secretaria da Escola de Enfermaría de Lugo, María José Ferreira Díaz.
Fernández Méndez deu a benvida aos estudantes e agradeceu ás entidades organizadoras a posta en marcha da terceira edición deste curso no que os alumnos poden afondar no papel fundamental que desempeña a enfermaría na prevención e redución de enfermidades cardiovasculares, a primeira causa de morte a nivel mundial.
Ademais, o Deputado fixo especial fincapé nos poñentes que imparten esta iniciativa e subliñou que “sen dúbida, son auténticas voces de referencia no ámbito sanitario, Inés Rivas, profesora da Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo, ou Antón Penas, médico da Unidade de Tabaquismo do HULA, son só dous dos poñentes que participan nesta encontro que dan boa mostra do nivel desta formación”.
Pola súa banda, o codirector do curso, o doutor Juan Carlos González Juanatey, avanzou na súa intervención que “o programa desta formación aborda numerosos aspectos relacionados co aumento do risco cardiovascular”, e fixo especial fincapé na importancia de manter unha dieta saudable e realizar exercicio físico habitualmente. “Estas dúas cuestións son primordiais para previr e mellorar a calidade de vida das persoas” sinalou Juanatey.
A programación inclúe varias mesas redondas sobre a obesidade como factor de risco cardiovascular, o benestar emocional e a diabetes, ou o papel da enfermaría na rehabilitación cardíaca, entre outros temas. Igualmente, os estudantes tamén realizarán diversas sesións prácticas de exercicio físico, taichí ou ioga.