Será o mércores 12 de xuño sobre as 17:30h, convocada pola Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, (PDRA), unha manifestación que conta con todos os permisos, que ten como obxectivo trasladar á opinión pública o malestar en toda a ría polo abandono do sector do mar por parte da Xunta de Galicia.
Levamos xa máis de dez anos reclamando que se tomen medidas para evitar o devalo produtivo, reclamando a rexeneración dos bancos marisqueiros, o saneamento das rías, o control das verteduras e unha nova regulación dos desencoros. Estamos vivindo unha situación crítica que pon en perigo o actual modelo produtivo do marisqueo e do mexillón, sen que a Xunta de Galicia poña enriba da mesa solucións aos nosos problemas, senón ao contrario impulsa alternativas industrializadoras contaminantes como a celulosa de ALTRI, que van deteriorar -aínda máis- a calidade das augas do río Ulla e da ría de Arousa e van destruir os nosos postos de traballo.
Reclamamos que o diñeiro público que a Xunta pretende regalar a ALTRI se dedique a recuperar as rías galegas e, sinaladamente a ría de Arousa.
Os barcos no seu percorrido exibirán pancartas alusivas a todo isto e no porto do Ramal onde atracará o buque de Greenpeace esperarán mariscadoras coas súas pancartas.
Para facer un seguimento en tempo real da localización do buque Artic Sunrise no seu achegamento á ría de Arousa pódese utilizar esta aplicación: