Insua pide á Xunta garantir o servizo de pediatría e atención primaria en Fisterra e Muxía

por Redacción A Coruña

O deputado do BNG denuncia “a incompetencia do goberno galego para dar solución a un problema que se vén producindo desde hai anos na nosa comarca”

O deputado do BNG da Costa da Morte, Óscar Insua, presentou varias inicitativas no Parlamento Galego instando á Xunta a que garanta o servizo de pediatría e atención primaria nos concellos de Fisterra e Muxía, remarcando que as carencias ao respecto supoñen un problema que xa se vén arrastrando desde hai anos.

Na vila do Cristo, os nacionalistas veñen de denunciar que non hai pediatra no centro de saúde debido á renuncia dunha facultativa logo da convocatoria dunha praza por concurso de méritos. Óscar Insua insta ás autoridades sanitarias “a que se cubra a praza de forma urxente antes do inicio do verán”. O BNG remarcou que “as autoridades sanitarias non establecen unhas condicións axeitadas para este tipo de postos de traballo de pediatría, e por tal razón prodúcense renuncias”. E subliñaron que nestes momentos a atención pediátrica das crianzas de Fisterra é derivada a Cee, “que conta cun servizo xa saturado”.

No municipio muxián, o BNG solicitou que o Sergas planifique mellor os recursos humanos para mellorar e garantir a atención primaria e o servizo pediátrico no centro médico, en especial durante os meses de verán, xa que non se están a cubrir baixas ou vacacións do persoal e iso conleva retrasos ou traslados do servizo a concellos limítrofes. Ademais, a formación nacionalista pide á Xunta que dote dunha base permanente de ambulancia no centro médico de Muxía “para evitar esperas excesivas na atención ás urxencias neste concello periférico”.

Óscar Insua denunciou “a incompetencia do goberno galego para dar solución a un problema que se vén producindo desde hai anos na nosa comarca”, e sinalou que “o PP fai promesas, sobre todo en épocas electorais, pero logo non cumpre e os cidadáns son os que teñen que sufrir as consecuencias da súa nefasta xestión”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario