O BNG apoia as mobilizacións da veciñanza ante o proxecto da fábrica de metano de Coeses

por Redacción Lugo

Rubén Arroxo, portavoz do BNG no Concello de Lugo, participou o pasado luns xunto co concelleiro Alexandre Penas nunha xuntanza coa veciñanza de Piúgos, Cuíña e Soñar afectada polo proxecto

O portavoz do BNG e Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que o BNG colaborará coa veciñanza afectada polo proxecto de construcción dunha fábrica de Metano en Coeses, que actualmente se atopa en exposición pública e en prazo de alegacións. Arroxo explicou que «o pasado luns reunímonos coa veciñanza afectada para amosar o noso apoio e colaborar coas distintas accións que leven adiante as veciñas e veciños dos núcleos afectados». Na xuntanza o portavoz do BNG estivo acompañado polo concelleiro Alexandre Penas, e puideron conversar cos representantes de distintas asociacións veciñais das zonas afectadas.

O BNG trasladará ao Parlamento Galego e ás distintas institucións onde ten representación a problemática trasladada polas veciñas e veciños «ante un proxecto que producirá ruídos, cheiros e que pode ter influencia na calidade da auga da zona», afirmou Arroxo, que engadiu «colaboraremos tamén axudando a presentar alegacións ao proxecto para que as veciñas e veciños poidan amosar o seu rexeitamento a esta plana».

O BNG reclama, xunto coa veciñanza da zona, que se valore unha ubicación alternativa «que non afecte a ningún núcleo de poboación». A Xunta de Galiza declarou o proxecto como iniciativa empresarial prioritaria, o que conleva a simplificación de trámites administrativos, «mais o que debe ser prioritario é garantir que as veciñas e veciños da contorna non vexan mermada a súa calidade de vida por esta planta», afirmou Rubén Arroxo.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario