A Deputación anima ás novas empresas a concorrer aos premios PEL para impulsar a súa actividade

por Redacción A Coruña

O prazo de presentación de candidaturas á sexta edición dos Premios PEL permanecerá aberto ata o 18 de xuño

A deputada de Industria, Emprego, Política Demográfica e Medio Ambiente, Rosa Ana García, visitou a spin-off Diversa Technologies, localizada no Hospital Clínico Universitario de Santiago.

Esta empresa compostelá resultou elixida mellor iniciativa empresarial nova na última edición dos Premios PEL. Diversa Technologies, liderada pola doutora María de la Fuente, naceu na USC e ten como obxectivo o desenvolvemento de terapias innovadoras mediante a aplicación da nanotecnoloxía, que melloran a calidade da vida das persoas a través da medicina de precisión.

Diversa desenvolve unha tecnoloxía innovadora para o transporte e liberación de novas moléculas terapéuticas ao seu lugar de acción, principalmente cando este se localiza a nivel  intracelular, o que sen dúbida contribúe a favorecer a chegada de novos medicamentos que podan dar resposta ao tratamento de enfermidades para as que non existe una opción terapéutica eficaz na actualidade.

María de la Fuente, CEO e CSO da empresa, agradeceu novamente o galardón recibido e destacou que este supuxo «un recoñecemento para a nosa labor e sobre todo para o emprendemento en feminino no eido científico». «O premio PEL supuxo un importante apoio, tanto económico como de recoñecemento, no primeiro ano de actividade da empresa», afirmou.

Pola súa banda, a deputada de Emprego afirmou que «sabemos que hai moito talento na provincia e que os comezos son sempre difíciles, por iso animanos ás novas iniciativas empresariais da provincia a presentar a súa candidatura aos premios PEL, que este ano repartirán 72.000 euros en premios, para impulsar a súa actividade e crecemento».

 Premios PEL 2024

Ata o 18 de xuño está aberto o prazo de presentación de candidaturas á sexta edición dos Premios PEL da Deputación da Coruña. As entidades gañadoras de cada categoría recibirán un premio de 18.000 euros. As categorías convocadas este ano son as seguintes:

1ª CATEGORÍA: premio á mellor iniciativa transformadora nova. Destinada a recoñecer o labor das pequenas e medianas empresas, microempresas e autónomos/as que iniciasen a súa actividade empresarial nas anualidades 2023 ou 2024.

2ª CATEGORÍA: premio á mellor iniciativa transformadora consolidada. Destinada a recoñecer o labor das pequenas e medianas empresas, microempresas e autónomos/as que iniciasen a súa actividade empresarial durante a anualidade 2019 ou con anterioridade.

3ª CATEGORÍA: premio á mellor iniciativa verde. Destinada a recoñecer o labor das pequenas e medianas empresas, microempresas, autónomos/as, asociacións e clusters empresariais e concellos que conten con proxectos que teñan por obxectivo a transición ecolóxica e enerxética, a loita contra o cambio climático, a agricultura sostible, a protección do medio ambiente, a preservación da biodiversidade, a economía circular e/o o uso eficiente dos recursos.

CATEGORÍA A PROPOSTA DO XURADO: premio á mellor iniciativa transformadora do rural. Sen postulación previa de candidaturas.

A participación só poderá realizarse mediante a presentación telemática da documentación especificada nas bases, a través da plataforma SUBTeL, na convocatoria PEL-EPR PREMIO 2024.

O prazo de presentación de candidaturas permanecerá aberto ata o 18 de xuño de 2024 ás 14.00 horas.

Pode consultar as bases e a convocatoria publicadas no BOP, así como demais información, na páxina web dos Premios PEL: pel.gal/premio

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario