Alumnos dos CEIPs de Caión e Alfredo Brañas de Paiosaco participan no programa Aprende a Través do Surfing

por Redacción Deportes

O Concello da Laracha financia a iniciativa por considerala de interese para potenciar esta práctica deportiva e tamén para concienciar sobre o respecto ao medio ambiente

Aprende a Través do Surfing é unha iniciativa que se marca como obxectivo propoñer este deporte como ferramenta educativa coa finalidade de que o alumnado adquira unha cultura de surf, traballe o autocoñecemento e xere un vínculo co mar e o seu entorno para respectar os espazos naturais e o medio ambiente en xeral.

O Concello financia o desenvolvemento deste programa no termo municipal da Laracha por parte da Federación Galega de Surf e da escola Caión Surf House. Está a participar todo o alumnado do CEIP de Caión e tamén os estudantes de 5º e 6º de primaria do CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco, sumando en total 88 nenos.

A proposta educativa inclúe a realización dunha fase teórica nas aulas, tanto con módulos en liña como actividades vivenciais presenciais nos propios centros de ensino, e finaliza coa saída á praia de Caión para poñer en práctica o aprendido. A actividade desenvólvese en horario lectivo.

Precisamente esta última parte foi a realizada hoxe por un grupo de 12 alumnos do CEIP de Caión, momento no que recibiron a visita do alcalde, José Manuel López Varela, e da concelleira de Deportes, Patricia Bello.

Desde o Concello da Laracha apóiase a iniciativa considerando que é unha oportunidade para que os rapaces poidan iniciarse na práctica do surf e, ao mesmo tempo, tomen conciencia da importancia de conservar os espazos acuáticos e respectar o medio ambiente.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario