Besteiro reclámalle a Rueda que deixe de dividir aos galegos en “cidadáns de primeira e de segunda” e levante tamén as peaxes das autoestradas competencia da Xunta

por Redacción Galicia

O líder dos socialistas galegos empraza ao presidente da Xunta a convocar a Comisión Mixta de Transferencias para pedir a titularidade da AP-9 en paralelo ao proceso lexislativo iniciado onte no Congreso

O portavoz do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, emprazou hoxe ao presidente da Xunta a que deixe de dividir aos galegos e galegas en “cidadáns de primeira e de segunda” e ademais de pedir a gratuidade da AP-9 e da A-53 levante as peaxes nas autoestradas de titularidade autonómica. Así o dixo na sesión de control ao presidente da Xunta no Pleno do Parlamento, na que lle reclamou que impulse a Comisión Mixta de Transferencias para pedir o traspaso da titularidade da AP-9 a Galicia.

Besteiro pediulle “coherencia” a Rueda para que non haxa “galegos circulando por autoestradas bonificadas polo Estado e outros por autoestradas autonómicas sen bonificar, e pediulle que clarifique se quere as vías galegas gratuítas ou vai dar unha “mensaxe contraditoria” pedindo “cousas xustas” en Madrid e “aquí todo o contrario”.

Esixiulle ao presidente da Xunta que “aplique o sentido común” e, ademais de acadar a gratuidade da autoestrada do Atlántico e da A-53 Santiago – Dozón, implante a gratuidade das autoestradas da Costa da Morte -AG-55- e Puxeiros – Val Miñor -AG-57-, de xestión autonómica. Subliñou que “fariamos un fraco favor se estivéramos pedindo cousas en Madrid e non estivéramos dispostos a facelas en Galicia”.

Besteiro retrucoulle ao presidente da Xunta lembrando que “non podo facer o seu traballo, aínda que me gustaría”, logo de que aquel pretendera que fora Besteiro quen acadara a gratuidade das autoestradas. O líder do PSdeG pediulle a Rueda “menos festa e máis traballo” xa que, explicou, “non podo facer o que lle toca a vostede salvo que renuncie e me invista como presidente”, e engadiu que, nese caso, “investiría máis en sanidade e educación, e iso non lle ía gustar”.

O líder dos socialistas galegos emprazou ao presidente da Xunta a “apartarse do ruído e do fango que lle queren trasladar dende Madrid” e traballe para mellorar as infraestruturas de Galicia logo do debate iniciado onte no Congreso. Para iso, explicou, debe comezar por convocar a Comisión Mixta de Transferencias para incorporar as infraestruturas e “incrementar o número de asuntos a tratar” nese órgano, máis alá da transferencia da xestión do litoral.

Gómez Besteiro engadiu que “o que lle preocupa aos galegos e ás galegas é que as peaxes se levanten” e poidan circular por unha vía que é de pago pola xestión do PP que “máis parece unha listaxe de cargos”. Apelou a que comezaron por aumentar a concesión ata 2048, privatizar a vía e “votar aquí e vetar en Madrid” o debate da transferencia para rematar votando en contra das bonificacións ás peaxes.

Lingua no Congreso

O responsable socialista abriu a sesión de control lembrando a aprobación, onte, da toma en consideración da proposición de Lei da Transferencia da AP-9 no Congreso, onde interveu como ponente designado polo Grupo Socialista xunto co portavoz do PP, Pazos Couñago, sen que acudira o propio presidente da Xunta, a quen lle sinalou que “botámolo de menos”.

Sinalou a decisión do representante do PP de facer parte da súa intervención en galego “contra a prohibición expresa” do seu partido en Madrid, que votou en contra do uso da lingua no Congreso, e demostrando unha vez máis o “clásico” de que “os socialistas conquistan dereitos” aos que o PP se opón para despois “desfrutalos”. Besteiro tirou de ironía para pedirlle que non expedienten ao portavoz por falar en galego, a quen lle dedicou un “Alberto, sé fuerte”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario