Xosé Penas inaugura as XIX Xornadas de Economía Crítica da USC

por Redacción A Coruña

A entidade provincial colabora coa organización deste encontro que se celebra en Santiago de Compostela dende o 12 ata o 14 de xuño

A compostelá Facultade de Económicas e Empresariais da USC acolleu hoxe a apertura das XIX Xornadas de Economía Crítica, que se celebrarán na capital galega dende o 12 ata o 14 de xuño. O deputado de patrimonio e contratación, Xosé Penas, foi o encargado de inaugurar o encontro, onde salientou a importancia de “buscar novas formas de facer economía, cunha perspectiva global común, sostible, de progreso e que teña en conta os dereitos humanos para construír unha realidade máis xusta”.

“A economía debe ser o medio de transmisión”, engadiu, “que analice de forma singular todas as teorías e as solucións aos retos actuais”. Neste sentido, “facultades como esta son o faro de coñecemento, mais tamén a luz que nos ensina a pensar diferente”. E, concluíu, “a economía do futuro debe ser verde, feminista, social e crítica”.

Estas xornadas contan co apoio da Deputación da Coruña, “unha institución claramente implicada na mellora directa do benestar das persoas a través da colaboración coas entidades locais” apuntou Penas, “porque diso en definitiva debe basear a economía”.

Na mesa inaugural, que o deputado compartiu co delegado do reitor para Transferencia do coñecemento, Luis Otero González; o representante da Asociación de Economía Crítica, Luis Buendía García, e a coordinadora do equipo organizador da USC, Rosa María Regueiro, esta última salientou “o empeño” de Xosé Penas na posta en marcha das xornadas, “que non serían posibles sen o apoio da Deputación da Coruña”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario