O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este xoves na presentación do libro O pensamento político de Ramón Piñeiro, de Serxio María Rodríguez. Un acto que acolleu o Salón de Actos da Deputación de Lugo e no que tamén estivo o autor da publicación. Rivera Capón destacou que “Piñeiro foi un lucense de Láncara apaixonado do galeguismo e a cultura”, un dos impulsores da Editorial Galaxia e da Revista Grial.
Amigo de Luis Seoane, Pimentel, Castelao ou Cunqueiro, Piñeiro traduciu ao galego obras do filósofo alemán Heidegger, “no seu empeño de que os galegos e as galegas puidesen acceder na súa lingua a todo tipo de coñecementos”. Explicou o Deputado que para Piñeiro “o galeguismo tiña que ser un patrimonio común do conxunto da sociedade, e non unha parcela reservada a algúns a costa de excluír aos outros”.